A Deputación de Pontevedra organiza roteiros de arquitectura na provincia

Con motivo da dedicación do Día das Artes Galegas do ano 2018 ao arquitecto Alejandro de la Sota por parte da Real Academia Galega de Belas Artes, a a Deputación de Pontevedra organiza cinco percorridos ao redor da arquitectura da modernidade por diferentes puntos da provincia. O obxectivo principal desta iniciativa é o de achegar os principais fitos arquitectónicos ao conxunto da poboación a través de roteiros guiados por cidades e concellos da provincia. 

As terras do Deza, concretamente os concellos de Lalín e de Vila de Cruces, serán o primeiro dos escenarios nun percorrido previsto para o sábado 22 de setembro. Este itinerario sairá de Lalín, concretamente do monumento ao aviador Loriga e centrarase na arquitectura de Mansilla e Tuñón e nas incorporacións escultóricas de Asorey. Tamén aproveitará para profundar na fonda historia arquitectónica e cultural das terras do Deza en enclaves como Carboeiro, o Corpiño, a pegada do aviador Joaquín Loriga, do astrónomo Ramón María Aller, e do pintor José Otero Abeledo ‘Laxeiro'. Este roteiro tamén inclúe unha visita ao poboado mineiro (volframio) de Fontao, en Vila de Cruces.

O seguinte dos roteiros percorrerá terras do Porriño e de Mondariz-Balneario, establecendo o punto de partida diante do concello do Porriño e visitando os edificios construídos polo arquitecto Antonio Palacios en ambas localidades, referente da arquitectura na primeira metade do século XX. A cita será o sábado 13 de outubro e o percorrido inclúe as Canteiras de Atios, a Fonte do Cristo, a Botica Palacios, e o conxunto do Balneario de Mondariz, entre outros. O terceiro dos percorridos pasará por Baiona e Panxón o 20 de outubro. Partirá da Casa do Concello de Baiona e utilizará como leitmotiv a presenza estival do arquitecto Antonio Palacios no Val Miñor. Neste itineriro destacan as intervencións que interaccionan a arquitectura coa paisaxe, dentro dun singular humanismo que servirá de referencia para moitos outros arquitectos que tamén intervirán na zona. O roteiro focalizará a atención en intervencións como a Virxe da Rocha, o Chalet Sileno, o Templo Votivo do Mar, ou o Chalet de Celso Méndez.

En Vigo a cita será o 27 de outubro e o punto de encontro a Porta do Sol. Este percorrido enfócase coma unha antoloxía arquitectónica do século XX, que inclúe os plans urbanísticos na cidade portuaria, no casco vello, e no ensanche; así como a pegada de arquitectos como Manuel Felipe Quintana, Jenaro de la Fuente, Michel Pacewicz, Antonio Palacios, Gómez Román, pasando por Bar Boo e continuando até o noso hoxe. E por último, o 10 de novembro e da praza da Ferreiría partirá o último do roteiros que toma como referencia Pontevedra, a cidade na que nace Alejandro de la Sota. Este roteiro concíbese como un paseo polas inquedanzas culturais da primeira metade do século XX, e máis concretamente pola filosofía e pola esencialidade de La Sota. Está prevista a visita á intervención deste arquitecto na Misión Biolóxica, no Pavillón Municipal, nun edificio de vivendas na Rúa Gondomar, e na Casa Domínguez na Caeira. Tamén se visitará a parroquia de Salcedo, patria de canteiros, e o cemiterio de S. Martiño de Salcedo, coa tumba dos La Sota Martínez. Outros elementos que destacan neste percorrido son a Fábrica da Cross, da enxeñería Proquiber, na rúa da Gándara, e o bloque de vivendas para militares no Polígono de Campolongo.