
Os obxectivos deste grupo operativo pasan en primeiro lugar pola mellora da competitividade das explotacións de lúpulo mediante a optimización da xestión do rego, o mantemento do solo e o control de enfermidades, co fin de garantir a súa sustentabilidade económica e medioambiental.
Os investigadores realizarán tamén o ensaio de variedades, coa introdución de aquelas que se adapten mellor á contorna das zonas de cultivo e avaliarán a resposta a diferentes produtos fitosanitarios para o control de pragas. Ademais, poranse en valor outros produtos derivados do cultivo do lúpulo e a reutilización dos residuos.
A creación deste grupo de traballo xurdiu a raíz dos ensaios e as charlas de difusión de resultados realizados polo CIAM, que propiciaron no ano 2009 a constitución da cooperativa Lutega (Lúpulo Tecnoloxía de Galicia, Sociedade Cooperativa Galega), que xestiona unha superficie de 8 hectáreas deste cultivo. Desde esta cooperativa promoveuse a posta en marcha deste grupo operativo tendo en conta, ademais, que existe unha gran demanda no sector cerveceiro por obter lúpulos diferenciados.
Xa antes, no 2004, a petición da Corporación Hijos de Rivera (Estrella Galicia), o CIAM retomou os ensaios de cultivo de lúpulo poñendo en marcha unha parcela experimental na que se estuda o comportamento e aclimatación de dez variedades de lúpulo, amargas e aromáticas.