XXIX edición da Festa da Vendima de Leiro

Un completo programa de actividades que aglutina o tradicional desfile de carrozas e charangas, artesanía, gastronomía, deporte e música centrará a XXIX edición da Festa da Vendima de Leiro o vindeiro domingo, 26 de agosto.

A Deputación de Ourense colabora con esta festa tradicional "e con arraigo, que se converteu no escaparate dun dos produtos esenciais da vida económica da comarca do Ribeiro, e de Leiro en particular", sinalou Rosendo Fernández, quen lembrou que esta celebración nace no ano 1963 como "un proxecto promocional do "Viño do Ribeiro" composto por diversas accións".

 Ás 14.00 horas comezarán as actividades instaladas no Salgueiral co XV Mercado Artesanal no que están confirmados "26 artesáns que procuramos que sexan todos da nosa provincia", sinalou Ramón Álvarez quen explicou que tamén se celebrará a primeira Mostra dos Viños de Leiro, continuando ás 14.30 horas co xantar popular. 

A Mostra dos Viños de Leiro é "unha das novidades deste ano que pretende rememorar o feito de que a primeira acción cooperativista de Galicia naceu en Leiro e para exaltar as bodegas que temos no municipio", explicou o alcalde de Leiro, quen dixo que "participarán 8 bodegas incluíndo as dúas cooperativas porque hai viticultores de Leiro que suministran uva a estas cooperativas".

A entrega de premios aos gañadores dos concursos de Acios e Carrozas será ás 16.30 horas.