Un ano máis os vikingos atacarán có seu drakkar

A Romaría Vikinga celébrase, como cada ano, na primeira semana de agosto. O desembarco nas Torres de Oeste, que se dramatiza o domingo pola mañá, é, sen dúbida, un dos puntos fortes da festa. 

Iniciouse no ano 1968 e nel empregábase un barco areeiro “disfrazado” de drakkar viquingo. Co fin de dotar a esta actividade dunha maior espectacularidade, o Concello de Catoira decidiu construír un drakkar auténtico. Os contactos mantidos coa cidade de Frederikssund permitiron acceder ós planos dun auténtico drakkar, atopado nun fiorde de Roskilde (Dinamarca) e conservado no Museo de Barcos Vikingos da mesma localidade.

O drakkar “Torres de Oeste” é unha réplica do Skuldelev 5, unha pequena embarcación de guerra de finais do século XI, que ten 17,5 metros de eslora e 2,5 metros de manga, con capacidade para 13 pares de remos e 6 toneladas de carga, incluída unha tripulación de 30 persoas.

O ataque dos viquingos ó recinto das Torres de Oeste compleméntase coa dramatización da resistencia en terra. Nesta actividade participan unhas 200 persoas. A celebración complétase coa organización dun mercado medieval ambientado na época, desfiles, actuacións de grupos folclóricos, degustación de mexillóns e viño da terra, verbenas populares, competicións deportivas, etc.

Podes consultar o programa en http://catoira.gal/2018/06/29/novas-romaria-vikinga-2018/