Buscar/Hemeroteca

martes, 28 de agosto de 2018

Preto de 90 establecementos participarán no 12º Outono Gastronómico


Co verán entrando nos seus últimos compases toca ir pensando en plans para o outono. E unha vez máis temos que dar conta da chegada do Outono Gastronómico en Turismo Rural, que celebrará a súa décimo segunda edición nas fins de semana que van entre o 14 de setembro e o 16 de decembro.

Nesta ocasión sumáronse á iniciativa un total de 86 establecementos por toda Galicia, onde galegos e turistas poderán pernoctar ou degustar un dos 176 menús preparados para a ocasión.

En concreto, adhírense á proposta 23 casas de turismo rural da provincia da Coruña, 19 de Lugo, 25 de Pontevedra e 19 de Ourense. Todas elas están a ser anunciadas a través dun autobús promocional que percorre Galicia desde a pasada fin de semana e que hoxe chegou a Monforte de Lemos. Despois de pasar por A Coruña e Vigo, esta semana visitará Ourense, Pontevedra, Combarro e rematará o venres en Santiago de Compostela.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, aproveitou a parada de Monforte para reivindicar as cifras dunha iniciativa que “suma preto de 60.000 participantes ao longo de 11 edicións”, recordando que foi recoñecida na Feira Internacional de Turismo Fitur 2016 como Mellor Produto de Turismo Activo Nacional na modalidade de Enogastronomía.


Catro modalidades para elixir

O Outono Gastronómico en Turismo Rural ofrece opcións que se adaptan ao tipo de viaxeiros, ás súas preferencias ou á duración da estadía. Estarán dispoñibles todas as fins de semana, agás ás do 12 ao 14 de outubro e 7 ao 9 de decembro:

- A oferta Menú Outono Gastronómico, deseñada exclusivamente para esta ocasión, inclúe entrantes, primeiros e segundos pratos, sobremesas, cafés ou infusións, viños das distintas denominacións de orixe galegas e outras bebidas polo prezo global de 30 euros por persoa.

- Tamén se ofrece a posibilidade do Paquete Outono Gastronómico que permite degustar o menú Outono gastronómico e pernoctar na casa de turismo rural elixida, incluíndo os almorzos do día seguinte. Esta segunda modalidade prevé un menú por persoa máis aloxamento e almorzo, a escoller entre a noite de venres ou sábado. O prezo é de 120 euros para dúas persoas en cuarto dobre ou de 80 euros para unha persoa en cuarto individual.

- Outra das opcións é gozar da Fin de semana Outono Gastronómico, que inclúe dous menús por persoa máis o aloxamento, na noite de venres e sábado. O prezo é de 200 euros para dúas persoas en cuarto dobre e 140 para unha persoa en cuarto individual.

- E se se quere compartir coa familia unha fin de semana, existe a Fin de semana familiar Outono Gastronómico que inclúe ofertas para un e dous nenos ata 14 anos. Para parellas acompañadas dun neno, a oferta de menús e aloxamento será de 260 euros, mentres que para as que vaian acompañadas de dous rapaces o prezo será de 300 euros.


No hay comentarios: