Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural

Oito son os galardoados da novena edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural, que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, para que reinvistan esa cantidade na iniciativa gañadora co fin de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias. 

Na categoría de mozos, destinada a persoas de menos de 40 anos, o gañador foi a cooperativa Levinred, con sede no concello de Leiro. Levinred é unha marca de cosmética natural cuxo elemento principal é o viño tinto artesán. 

Na de cultural e de recuperación patrimonial do medio rural, o premiado foi o Festival de la Luz, que se celebra no municipio de Boimorto e que mestura música con concursos e iniciativas que fomentan e incentivan o tecido cultural galego. 

No apartado de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos ou do coidado dos maiores, recibe o premio a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer en Ourense pola súa contribución a este colectivo, con obradoiros de estimulación terapéutica e apoio psicolóxico para os coidadores. 

Na sección de turismo, álzase co galardón Turisa Galicia, con sede en Silleda, que ofrece servizos polo miúdo na Ribeira Sacra, impulsando así o desenvolvemento local desta zona mediante rutas dunha xornada que se poden personalizar. 

No sector agrogandeiro, o gañador é Veigas de Sabugueiro, empresa ubicada no concello de Vilar de Santos que puxo en valor un recurso natural abundante en Galicia -o sabugueiro- para facer produtos como licores, marmeladas e incluso cervexa. 

En canto ás iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para o proxecto “Mulleres de seu”, encabezado pola Cooperativas Lácteas Unidas-Clun. Consiste nunha serie de accións formativas, encontros e xornadas de traballo dirixidas a favorecer a integración das mulleres na cooperativa e a súa participación nos órganos de goberno. 

No de innovación tecnolóxica, a vitoria foi para Trasdeza Natur, de Silleda, que pon en valor a produción da horta ecolóxica mediante o transformado dos produtos con técnicas de deshidratado natural e empregando tecnoloxía solar de nova creación. 

E, por último, na categoría de loita contra o abandono do territorio, o gañador deste premio é unha iniciativa de posta en valor da terra para produción hortícola no concello de Miño. O proxecto consiste na recuperación de terreos abandonados para o cultivo de tubérculos de horta, tales como patacas, cebolas, etc.