Por avisar non quedou -Editorial HGgT 215

Parece que, lamentablemente, o triunfalismo político á luz, ou sombras, das estatísticas favorables que reflectiron os movementos turísticos dos últimos anos vai ter que entrar en parámetros máis realistas. Esta que remata vai ser unha boa tempada “ma non troppo”, isto é, as políticas promocionais da Xunta non fixeron avanzar en termos estimables o posicionamento de Galicia no ranking turístico español, no que priman as Illas Canarias e Baleares, a costa Mediterránea dende o Estreito á Costa Brava, e contando con Madrid.

Pola boca pequena da hostalería escóitase que os resultados non son como se di, senón que estructuralmente estamos onde estabamos prácticamente antes da crise. Dende esta liña editorial, HGg&T vén avisando deste sentir e desta realidade: o aumento de turistas en España producido no último quinquenio é, foi, o resultado dunha confluencia de factores principalmente motivados pola inestabilidade e inseguridade na outra ribeira mediterránea e Oriente Próximo por mor dos conflictos bélicos e o terrorismo islámico operante dende Túnez, directísima alternativa ao noso Levante, a Turquía. A medida que a situación amaina neses países fortemente competitivos para o noso mercado de sol e praia, os parámetros vólvennos á realidade da que tantas veces temos avisado aquí.

E esta realidade vai deixar coas nádegas ao aire, como en tantos outros eidos, os estusiasmos oportunistas de quen, sen máis méritos que os de andar na procesión, fan repenicar as campás propias cada vez que un dato conxuntural reflicte aquí como un feito consolidado. Estamos onde estábamos, nada sustanciable se avanzou na consolidación doutros posicionamentos estratéxicos.

A Eurorrexión segue sen políticas firmes de cohesión, seguimos vendendo pouco máis ca fume alem e aquem Miño. Vigo e Porto mantéñense á greña en vez de optar por políticas de achegamento e accións conxuntas. Nada avanzou a política da Xunta en materia aeroportuaria, agás contemplar un novo Lavacolla parcialmente baleiro ao carón dun vello Lavacolla camiñando lixeiro cara a ruína…

Xorde a piques de pechar esta edición de HGg&T -cabeceira vocacional e de comprometida praxe coa Eurorrexión- unha nova de fuste rutinario pero que se nos antolla pode ter un simbolismo en liña e eficaz para a demanda que defendemos: a Deputación de Pontevedra promove para o ano que vén un encontro entre axencias de viaxe de España e Portugal, coa finalidade de acometer accións promocionais comúns, promover paquetes conxuntos… Ao mellor esta iniciativa de alcance, alcanza a ser o camiño certo a seguir…