Pontevedra volta o medievo esta fin de semana coa Feira Franca

Os días 31 de agosto e o 1 de setembro, a cidade de Pontevedra conmemora un feito que aconteceu no ano 1467, cando o rei Enrique IV concedeu ás e aos cidadáns o privilexio de poder celebrar durante un mes un mercado libre de impostos. Unha viaxe no tempo ata a época medieval coa XIX Feira Franca, declarada festa de Interese Turístico de Galicia no 2013, e unha das festas de época máis importantes das Rías Baixas. 

Serán dous días de festexos nos que mestres artesáns, ferreiros, carpinteiros, redeiras, palilleiras ou músicos discorrerán polas engalanadas rúas e prazas máis emblemáticas da localidade do río Lérez. E as e os cidadáns e visitantes preparan as súas vestimentas e organizan banquetes medievais nas rúas.

As rúas da cidade ofrecerán diversas representacións, como a do transporte do viño, recreacións de oficios, exhibicións de disciplinas de caza, deportes ou danzas , todo un abanico de posibilidades que inclúe tamén actividades infantís con xogos medievais, lendas ou as atraccións máis tradicionais. 

Unha PROGRAMACIÓN con todo tipo de actividades. A inauguración da festa será este venres ás 19:00 horas, coa chegada a cabalo dos pregoeiros ao centro histórico anunciando a nova edición da Feira Franca, e máis tarde, ás 22:30 horas concretamente, terá lugar o espectáculo “As Portas do Lérez” na praza da Ferrería. 

f_ turismoriasbaixas.com