Os apicultores galegos venderon en 2017 máis de 300 toneladas de mel


Os preto de 400 apicultores inscritos no Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia comercializaron o pasado ano máis de 300 toneladas de produto, cun valor económico estimado que superou lixeiramente os dous millóns de euros. 

Estes son algúns dos datos achegados pola conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, durante a súa participación en Melide nunha charla informativa sobre a produción de mel organizada pola Asociación de Mulleres Catasol e o concello desta localidade coruñesa. A conselleira destacou tamén que este mel prodúcese nun total de 45.496 colmeas e que son 29 os envasadores inscritos na devandita IXP. 

Na súa intervención, Ángeles Vázquez sinalou que este produto é moi nutritivo e mesmo ten importantes características terapéuticas. Así, dixo que aporta ao organismo azucres simples de fácil asimilación, proteínas, oligoelementos (fósforo, sodio, potasio ou ferro) e vitaminas. Por iso defendeu o seu consumo, e moito máis cando se trata de mel amparada pola IXP de Galicia. 

A conselleira fixo un percorrido polos procesos de obtención do produto, composición nutricional, envasado, etiquetaxe ou tipos de mel. Con respecto a estes últimos, indicou que en Galicia existen a multifloral e as monoflorais de diversas especies, como o castiñeiro, eucalipto, breixo ou silva, entre outras, repasando as características de cada unha delas. 

A titular de Medio Rural fixo referencia, ademais, á normativa galega sobre venda directa, que permite aos apicultores comercializar o seu produto desde as súas explotacións ata o consumidor final, cumprindo unha serie de condicións. Esta posibilidade supón unha gran vantaxe para os produtores á hora de vender o seu mel.