Buscar/Hemeroteca

lunes, 27 de agosto de 2018

O concello solicita unha marca de calidade para a Rosca de Sober


A Rosca de Sober, produto gastronómico artesanal que conta cunha gran sona en toda a rexión, podería estar amparada no futuro por unha marca de calidade. A solicitude foi cursada polo alcalde desta localidade luguesa, Luis Fernández, á conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez. 

A conselleira comprometeuse a estudar esta solicitude, pois se algo caracteriza á nosa comunidade é precisamente os seus produtos agroalimentarios de calidade. Valorou o interese do rexedor por protexer e poñer en valor este produto característico da súa zona, pois redundará en beneficio dos seus veciños e en dar a coñecer este concello do sur da provincia de Lugo. 

Precisamente, este ano celebrouse a XXIII edición da Feira da Rosca, onde tamén estiveron presentes outros produtos da zona como mel, queixos ou castañas, e se celebrou o II túnel do viño de Amandi, cunha moi boa acollida entre os asistentes. 

Noutra orde de cousas, o concello pediu colaboración ao departamento que dirixe Ángeles Vázquez para poñer en valor un viñedo experimental ubicado nunha parcela municipal a través da denominación de orixe Ribeira Sacra e da propia Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega). O concello de Sober é eminentemente vitícola e conta a día de hoxe con 40 adegas amparadas pola DO Ribeira Sacra, estando en marcha novos proxectos de adegas e ampliación das existentes.


No hay comentarios: