María Pita continúa, xunto as Festas barriais e a Batalla Naval

As Festas de María Pita compleméntanse coas festas propias de distintos barrios da cidade, neste caso as Festas de Oza-Gaiteira-Os Castros (que terán lugar os días 14 e 15 de agosto), as do Castrillón-Urbanización Soto (15, 16 e 17), as de Uxío Carré-Eirís (22), as de Novo Mesoiro (24 e 25 de agosto) e as de Pedralonga (25 de agosto). O concelleiro de Culturas destacou o traballo desenvolvido polo Concello e o seu departamento coas entidades veciñais que concorreron as liñas de axudas habilitadas pola administración local para ofrecer "unha oferta festiva e cultural atractiva e que reflicta as diversidades e especificidades de cada barrio".

No Castrillón, a programación festiva estenderase tres xornadas. Iniciarase o 15 coa tuna de veteranos, o pregón da concelleira de Xustiza Social, Silvia Cameán e o concerto de Los Mecánicos. O día seguinte haberá actividades para os e as nenas, con inchables, ademais de intercambio de libros, a festa da escuma e o concurso de tortillas. Haberá tamén actuacións musicais, adicadas neste caso ao swing, coa celebración de obradoiro de baile e a actuación dos Hot Chocolates. O último día, o 17, estará marcado polos obradoiros medioambientais, o de elaboración de marcapáxinas, o de xogos tradicionais, a programación de FamiliRúa, o teatro clásico de Noite Bohemia e a actuación da Orquestra Compostela.

Pola súa banda, en Oza/Gaiteira/Os Castros, o día 14 están previstas as actuacións de Cuarta Xusta e Zenzar, mentres que o 15 haberá Obradoiros Ambientais, pasarrúas con gaitas e sesión vermú con Los Versionetas e a Caravana de Xogos Infantís, para rematar co cine ao aire libre da Cinecleta.

En Eirís a oferta festiva contará con actividades infantís, inchables e obradoiros mediambientais, ademais das actividades da Asociación Astronómica ÍO, a tradicional Festa da Fresa, coa exposición e degustación das mesmas, así como unha exhibición de actividades deportivas, o torneo de chave e o III torneo de fútbol feminino. Neste caso, tamén haberá actuación enmarcada dentro da programación do FamiliRúa, concerto de música folk e outro de verbena, coa actuación de Los Satélites.

A festas de Pedralonga terán lugar o día 25 con obradoiros ambientais, inchables, actividades escénicas dentro do FamiliRúa, a actuación da Asociación de Coros e Danzas Eidos e a verbena coa Orquesta Chanel.

Pola súa banda, as de Novo Mesoiro (onde, neste caso, o Concello asumiu a programación), o día 24 haberá inchables, a actuación do teatro de Noite Bohemia no Centro Cívico de Novo Mesoiro e os concertos de Exit, Obús e Metal Tribute. Ao día seguinte haberá inchables, a animación musical de Zumbalacazán, obradoiros medio ambientais, actuación de FamiliaRúa e o cinema ao aire libre da Cinecleta.

Ao respecto da celebración da Batalla Naval, este martes 14, Sande recordou que á mesma terá lugar a partir das 23.00 horas. Os fogos partirán da zona das Esclavas e Matadoiro e obrigarán, como en pasadas edicións, a restrinxir o tránsito, nin de vehículos nin a pé durante 25 minutos nas rúas Matadoiro, así como en determinados tramos da rúa Cantábrico, Santa Teresa e Adelaida Muro, información que está a ser trasladada á veciñanza.

O evento pirotécnico consistirá nunha sesión de fogos cos que se recrea a entrada e o desembarco das tropas inglesas por vía marítima na cidade en 1589 e a resistencia dos e das coruñesas, até rexeitar a invasión. O espectáculo durará 20 minutos e contará, coma sempre, cos dous minutos previos de 'tronos de aviso'.