Feira do Bonito e Produart, un dos mellores plans para este fin de semana

Calquera época do ano é adecuada para achegarse a Burela, localidade luguesa situada na Mariña Central, na cornixa Cantábrica, pero hai una data que convén remarcar no calendario: a primeira fin de semana de agosto, días 4 e 5, con motivo da XXXIV Feira do Bonito.

Unha Festa de Interese Turístico Galego que non para de medrar e reúne a máis de 10.000 persoas chegadas dende todos os puntos de Galicia e do resto de España.

O sábado, na carpa que se instala na explanada do porto burelense, líder en descargas deste preciado túnido, sérvese o bonito asado, en empanada, cocido e últimamente tamén en salpicón. O domingo é turno para o Marmitako de Bonito, que ven sendo un guiso ou caldeirada.

Paralelamente á Feira do Bonito, que organiza a Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, celébrase, 
na nave de redes, Produart, unha mostra de produtos artesáns e ecolóxicos promovida pola Fundación Expomar.

O Thunnus Alalunga, que así é o nome científico da especie, distínguese por ter unhas grandes aletas pectorais e só se considera Bonito do Norte cando a peza sobrepasa os 4 quilos de peso e se captura no Cantábrico con anzol, durante a denominada Costeira do Bonito.

Constituído como municipio en 1994, Burela conta con atractivos turísticos derivados da súa configuración natural e dos servizos en materia de restauración e hotelería. Tamén, por suposto, polas súas praias: A Marosa, coa súa área recreativa, Portelo e Cala do Cabaliño, na zona urbana, e O Cantiño. Do pouso histórico dan fe os castros, localizados no lugar coñecido como Chao do Castro.