Éxito na implantación do novo punto de venda de entradas á Torre de Hércules

Dende o pasado 2 de xullo está operativo o novo punto de venda de entradas da Torre de Hércules, e ata agora , recibiu xa a máis de 18.600 persoas. O sistema permitiu axilizar a adquisición de entradas ao monumento e eliminar as colas de espera aos pés do mesmo, favorecendo a súa conservación e facilitando os controis de acceso para respectar a capacidade de acollida, establecida en 32 persoas ao mesmo tempo. 

"Poder coñecer en tempo real a dispoñibilidade de acceso á Torre, para non superar o aforamento, é un avance significativo e permítenos profesionalizar o servizo que ofrecemos ás persoas visitantes e mellorar a súa experiencia na cidade", segundo remarca a xerente do Consorcio de Turismo e Congresos, Lanzada Calatayud.

O novo programa de xestión interna de reservas permite agora que, cada 60 minutos, as e os visitantes poidan acceder ao monumento en catro franxas horarias de 15 minutos cada unha. O cambio de localización permitiu ademais pór en valor tanto o Centro de Interpretación e Atención ao Visitante (CIAV) -destinado a recibir e proporcionar información histórica e actual relacionada co monumento e a súa contorna-, así como a oficina de turismo. "Deste xeito, a visita agora pódese planificar mellor ao complementala con información útil sobre a cidade, a través de planos e folletos turísticos", sinala Calatayud. Nos vindeiros meses prevese a implementación de nova sinalización nos arredores do monumento, co propósito de ampliar os puntos informativos sobre dito cambio, cubrindo as entradas dende a Casa dos Peixes, a praia de As Lapas e o Paseo dos Menhires.

f_ coruna.gal