Espectacular fin de festa de "Camariñas, o mar todo" co encontro de danzas

Máis de 250 persoas, entre bailaríns e gaiteiros, desfilaron polas rúas máis céntricas de Camariñas para participar no I Encontro de Danzas Brancas, unha das actividades estrela do programa da feira mariñeira organizada polo Concello. No evento, un dos máis esperados por veciños e turistas, participaron os grupos de Danza de Arcos e Danza de Espadas de Camelle, Cariño, Quintáns, Vilastose, Coucieiro, e a propia Camariñas.

Ás seis da tarde daban comezo as actuacións, con numerosas persoas apiñadas ás marxes das rúas para seguir de preto a exhibición. Os bailaríns de Camelle estiveron acompañados polo grupo de gaitas " Gholpe de Mar", mentres que "Os Xaramiños" tocaron para Coucieiro, Vilastose e Quintáns, e " Abrindo Rejo" e "Con toda en banda" amenizaron os bailes de Cariño e Camariñas.

Pequenos e maiores ofreceron unha exhibición destas danzas cuxa práctica se remonta aos séculos XVI e XVII e ten as modalidades de Arcos e Espadas. A agrupación de Camelle rescatouna en 1962 e os protagonistas son os mariñeiros e os seus descendentes; en Camariñas tamén a danzan os mariñeiros e, ata agora, limítanse a actuar os días 16 e 17 de xullo, durante as festas en honra á Virxe do Carmen.

A Danza de Arcos de Coucieiro, pola súa banda, lévase practicando desde hai máis de 80 anos e báilase tamén unha vez ao ano, aínda que no seu caso coincidindo co Día Grande do Socorro, no mes de xullo. En Quintáns realizan a Danza de Espadas en honra a San Isidro e esta tradición xa é centenaria, mentres que en Vilastose rescataron o baile en 1986, tras medio século de interrupción, e participan homes e mulleres.

En Cariño, os historiadores contan que a danza naceu en 1762 nun barco na guerra de España contra Portugal, xa que existe un manuscrito de 1803 que narra a súa creación. Nesta localidade a danza realízase en honra á Virxe do Carmen.

Ademais, ao longo do fin de semana, as empresas de alimentación que colaboraron en "Camariñas, o mar todo" (Gallego Pereira, Industrias Cerdeimar, Elaboraciones Lemar e Pescados Pedreira) repartiron máis de 1.500 racións no seu conxunto. Isto permitiu aos numerosos visitantes que se achegaron á carpa feiral degustar polbo á feira, atún con arroz con parapasta á italiana e á napolitana, ensalada de atún, caviar de ourizo, arroz con congro e gambas, e croquetas de congro seco.