Buscar/Hemeroteca

jueves, 23 de agosto de 2018

Encontro coa cociña de litoral na Festa do Mar de Poio

A Cultura e a tradición mariñeira en Poio acadan na vertente gastrofestiva a súa meirande visibilización co gallo da Festa do Mar, que se celebrará do 22 ao 26 de agosto na pintoresca localidade de Combarro, o sitio máis visitado de Galicia despois de Santiago de Compostela, e totalmente vencellada ao mar e á tradición mariñeira. 

Van alá dezaoito anos dende que no ano 2001 o Concello puxo en marcha un evento conmemorativo que celebrara a chegada das expedicións “Sant Efflan” e “Vers la Galice”, nas que un grupo de embarcacións tradicionais procedentes de Irlanda, Gran Bretaña e o País Vasco arribaban nas nosas costas, recreando a viaxe que realizaban os peregrinos para percorrer o Camiño de Santiago na súa versión náutica. 

Foi ese o xérmolo da Festa do Mar, que dende o seu comezo ven incrementando as actividades e a afluencia de público nunha convocatoria que aglutina unha oferta con tres actividades principais: a Mostra Gastronómica na que, baixo carpa, os visitantes poderán atopar e gozar dunha oferta culinaria baseada na despensa mariña; a concentración de embarcacións tradicionais no peirao de Combarro e a música, consistente en concertos nocturnos con estrelas do panorama musical actual, ademais da folclórica e os cantos mariñeiros e de taberna. 

Deste xeito, tradición, música e gastronomía forman parte desta atractiva festa para veciños e foráneos, que aproveitan a ocasión para pasar un bo momento e coñecer os costumes do lugar á vez que se deixan engaiolar polas exquisiteces da Ría de Pontevedra.

www.concellopoio.gal

No hay comentarios: