Constituido o consello ritor da AGACAL

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), Manuel Rodríguez Vázquez, presidiu á a constitución do Consello Reitor desta axencia. Este trámite estaba previsto no decreto de creación da Agacal, como parte do proceso para a súa posta en marcha. 

Neste órgano colexiado de goberno da axencia figuran sete vogais nomeados pola propia conselleira. Deles, un como representante da Consellería de Facenda, catro responsables do departamento de Medio Rural e dúas persoas escollidas de entre os órganos da axencia, ambos con competencias en investigación agraria e formación. 

Agacal é o instrumento básico de actuación da Xunta en materia de promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos acollidos aos distintos indicativos de calidade, así como de potenciación da calidade da produción alimentaria galega, concentrando as actividades investigadoras e de desenvolvemento tecnolóxico no eido alimentario. 

Agrúpanse así todas as competencias relacionadas coa aplicación da Investigación, Desenvolvemento e innovación (I+D+i) ao agro, así como as relativas á formación, de maneira que todos os centros formativos da Consellería do Medio Rural dependen xa directamente de Agacal. 

A axencia estruturase en diferentes departamentos: innovación tecnolóxica, promoción da calidade agroalimentaria e formación. Deste último, dependen os centros de formación e experimentación de Medio Rural (Pedro Murias, Guísamo, Lourizán, Monforte, Sergude e Becerreá). Así mesmo, coordina os centros de investigación, caso dos de Mabegondo, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) ou o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia, entre outros. 

Agacal coordina, polo tanto, todas as accións de promoción dos produtos agroalimentarios que promove a consellería, desde a presenza en feiras e certames nacionais e internacionais ata a organización de catas e premios, así como outros eventos sectoriais e demais iniciativas de posta en valor de toda esta riqueza.