A V edición do Festival Agrocuir da Ulloa celebrarase os días 24 e 25 de agosto en Monterroso. Concertos, obradoiros, contacontos, actividades para as crianzas, feira, teatro e máis sorpresas para visibilizar a diversidade no rural conforman o programa desta proposta lúdico-festiva.
O festival contará con tres escenarios distintos, na praza do Froito de Monterroso, Granxa Maruxa, en Cumbraos, e a área natural da Peneda, con bus gratuíto interconectando as tres zonas.
O venres as actividades teñen lugar no centro de Monterroso, coas actuacións de Áureas e Sacha na Horta e o peche de festa con María Pardo e Tiparracas DJ’s. Ao Agrocuir acode xente de toda Galicia e mesmo doutros puntos da península, como Madrid, Andalucía, Asturias ou Aragón, polo que tamén supón un revulsivo para o comercio e a hostalaría local.
O sábado o programa trasládase durante o día á Granxa Maruxa. A apertura de portas será a partir das 11 da mañá. Durante a xornada matinal haberá actividades lúdico-educativas a cargo da Escola Semente, un obradoiro de música tradicional con Gabriel Reboredo e outro de empoderamento erótico con Mai Insua e Mari Fidalgo.
Á hora da sesión vermú será tempo de regueifas con Alba María e o xantar, na carballeira da granxa, estará amenizado por As Antonias. Pola tarde haberá contacontos, teatro a cargo da compañía A Panadaría, a entrega de premios á visibilidade Agrocuir e o concerto de Baiuca.
Ás 9 da noite Granxa Maruxa pechará as súas portas e as actividades trasladaranse á área natural da Peneda, onde Laura Pazos e Dj Neto-do-Rubio porán música na Sesión Golfa.