A Romaría de Santa Margarita pecha un ano máis as festas de María Pita

A Romaría de Santa Margarita, evento co que tradicionalmente se pechan as festas de María Pita, terá lugar durante as xornadas do sábado e o domingo neste emblemático espazo da cidade.  Dentro das actividades ata o vindeiro domingo distintos comercios da cidade realizarán unha exposición de traxes tradicionais. 

As accións da romaría continuarán o mércores 22 coa presentación do libro Mulleres de Gargamala por parte das autoras Xulia Feixóo e Guillerme Ignacio. Será na sociedade recreativa Tempo Novo, en Elviña, onde, ao remate da presentación se levará a cabo unha foliada aberta. Xa o xoves 23, a partir das 20.00 horas, entre Pescaría e Orillamar realizarase unha Singladura Tabernaria, na que se recuperarán os tradicionais cantos de taberna. 

O venres, pola súa banda, en horario de 17.00 a 21.00 horas, a praza de Pontevedra acollerá a carpa O traxe vai á rúa, un taller que estará dinamizado polo grupo Brincadeira, e que afonda no coñecemento da vestimenta tradicional. Aberto á toda a cidadanía, o evento contará con obradoiros de colares, de botóns de fío, un roupeiro con traxes para vestirse, proxeccións e un photocall. Co obxectivo de aumentar o coñecemento da poboación sobre as vestimentas históricas e as súas características, o venres 24, realizarase, a partir das 19.00 horas, un roteiro por toda a exposición de traxes que dende este luns poden verse en distintos comercios da cidade (a visita guiada partirá da praza de Pontevedra).

A partir do sábado, as actividades no propio parque de Santa Margarita complementaranse con obradoiros de baile e música en distintas prazas da cidade. 

O concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, destacou a aposta do goberno local "por realizar unha romaría para todos os públicos que respecta á tradición pero que tamén introduce innovación e que, ademais se expande, non só cos dous días de música en Santa Margarita, senón con actividades participativas que acontecen na cidade dende este mesmo luns". O responsable municipal puxo en valor a aposta do Concello por ampliar a oferta desta romaría, con actividades relacionados coa música, a vestimenta e instrumentos tradicionais e o baile en distintos escenarios abertos a cidade.