XXIV edición da Feira das Marabillas na Coruña

 A xira de Carlos Núñez  "Lugares máxicos" percorrerá diferentes localizacións da provincia de Ourense ao longo dos meses de xullo e agosto para tocar en marcos de incomparable beleza do noso patrimonio histórico-artístico". Serán concertos moi divertidos nos que faremos un percorrido por mil anos de música, pero por riba de todo será un acto de amor polo país", resumiu o gaiteiro.

Os mosteiros de Oseira, Celanova e santo Estevo, o castelo de Monterrei e o templo da Veracruz do Carballiño serán os lugares onde o máis internacional dos gaiteiros galegos amose o seu compromiso pola terra, "un acontecemento musical máxico polos lugares e polo protagonista", dixo hoxe no acto de presentación o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen agradeceu "a aposta de Carlos Núñez por Ourense, un artista que utiliza a música como elemento de comunicación interxeneracional e internacional", e agradeceu "o apoio que prestan os concellos e os alcaldes de san Cristovo de Cea, O Carballiño, Celanova, Monterrei e Nogueira de Ramuín para acoller estes concertos que unen cultura, historia e talento, coa cooperación da Deputación".

Será tamén unha oportunidade para gozar –no primeiro dos concertos, o 21 de xullo, no mosteiro de Oseira- "da interpretación que farán once nenos, quen acompañarán a Carlos Núñez no escenario interpretando melodías cos instrumentos do Pórtico do Paraíso, construídos no Obradoiro de instrumentos da Deputación de Ourense que dirixe Manuel Brañas", expresou Baltar, remarcando que será "un acontecemento musical único".

O programa dos concertos comeza o vindeiro 21 de xullo no mosteiro de Oseira, para seguir o día 22 no templo da Veracruz, no Carballiño, e o día 24, no mosteiro de Celanova. Posteriormente, o 4 de agosto o escenario será o castelo de Monterrei, rematando a xira o 5 de agosto no mosteiro de santo Estevo de Ribas de Sil.