Vinte adegas danse cita na Feira do Viño de Valdeorras

O alcalde do Barco e García Pando na presentación da Feira
Un total de 20 adegas participan na XXI Feira do Viño de Valdeorras que se celebrará na praza barquense de Viloira este fin de semana, 14 e 15 de xullo. No acto de presentación, o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, quixo agradecer moi especialmente a implicación das adegas que fan posible a celebración da feira. 

“A súa participación é fundamental para que sexa un éxito e se consolide, ano tras ano, como un verdadeiro escaparate promocional dos nosos viños”, considerou o presidente do Consello Regulador, quen indicou que durante os dous días que dure a Feira “Valdeorras converterase no epicentro festivo de Ourense”. 

O acto inaugural terá lugar o sábado 14 pola mañá e o recinto feiral permanecerá aberto en horario de 12,30 a 14,30 horas e de 19,30 a 23,00 horas. A feira contará cun programa completo de eventos paralelos. Ao igual que en anos anteriores, con anterioridade á feira celebrarase na sede do Consello Regulador unha cata profesional e domingo entregaranse os premios ás bodegas gañadoras neste certame oficial.

Xunto a isto, os días 12 e 13 celebrarase a terceira edición a Ruta dos Pinchos de Valdeorras, que o Consello Regulador porá en marcha en colaboración co Concello do Barco, con AEVA e co centro comercial aberto do Barco. Participan nesta iniciativa un total de 15 establecementos da zona. Paralelamente, ao longo das dúas xornadas haberá actuacións musicais e actividades dirixidas aos cativos. Tamén se porá en marcha de novo o tren Valdeorras Expreso para facilitar os desprazamentos de ida e volta ata o recinto feiral. O percorrido comprende saídas desde o polideportivo, pasando polo hospital e a praza do Concello ata chegar á Praza de Viloira.

Por outra banda, Valdeorras entra no club das denominacións de orixe acreditadas por ENAC. Segundo destacou García Pando, para lograr esta acreditación foi fundamental “o traballo colectivo de todo o sector do viño na comarca, especialmente do órgano de calidade do Consello Regulador e das adegas, que tiveron que adaptarse á norma”. 

A acreditación ENAC permitirá asegurar que detrás de cada botella de viño de Valdeorras existe un estrito control de calidade e plena seguridade xurídica.