Tecendo Litoral, a transformación do bordo litoral coruñés

O concelleiro de Rexeneración Urbana da Coruña, Xiao Varela, deu conta do contido do informe que recolle as conclusións de investigación participado proceso Tecendo Litoral, así como do Foro Cidadán celebrado o pasado mes de abril na Coruña, e que dá pé aos principios que rexen o concurso de ideas para a definición da estratexia de transformación do bordo litoral coruñés. 

O documento, de case 300 páxinas e xa está dispoñible para a súa consulta no web municipal www.coruna.gal/tecendo-litoral, supón, segundo explicou Varela, "unha devolución á veciñanza, coa maior calidade posible, de todo o estudo e traballo producido nos últimos meses arredor dos peiraos interiores da cidade". 

O informe fai unha radiografía á realidade portuaria coruñesa desde o contexto local e o metropolitano, que parte dun traballo participado feito a través de conversas e unha serie de entrevistas e colectivas a distintos axentes activos da cidade; ademais de grupos de discusión nos que se abordaron cuestións como a memoria e o impacto social das transformacións, o urbanismo, a mobilidade, a sustentabilidade, a actividade portuaria, a hipótese económica ou a economía azul, "un asunto irrenunciable para o goberno local na cuestión da produtividade destes terreos", sinalou Varela. 

O informe recolle as achegas realizadas a través do Foro Cidadán, no que participaron máis de 200 persoas, así como unha análise do marco normativo, territorial e histórico a diferentes escalas territoriais. Inclúe unha análise e revisión documental das transformacións dos terreos portuarios en distintas cidades de todo o mundo, como é o caso de Vancouver Grandveille Island (Canadá), Brest (Francia), a reconversión do río Cheong Gye Cheon (Corea del Sur), ou o proxecto do porto de Pasaia, no País Vasco. 

Tamén ofrece diversos exemplos de iniciativas que poden ser fonte de inspiración para a estratexia de transformación do bordo litoral coruñés. É o caso da reconversión do estaleiro Brooklyn Navy Yard nun espazo produtivo cultural, o Parque da Libertad de Costa Rica, o Porto Maghera en Mestre (Venecia) ou as iniciativas en defensa do espazo industrial promovidas pola organización sen ánimo de lucro GMDC.