Revalorización dos espazos verdes de A Coruña

Pasado o verán acometeránse unha serie de actuacións dirixidas á recuperación, mellora integral e acondicionamento dos espazos verdes e de lecer co casco histórico da cidade Herculina. O Concello da Coruña está a redactar o proxecto, que abrangue, en concreto, o xardín de San Carlos e a Praza de Azcárraga.

O obxectivo é poder licitalo a principios de outono "para comezar os traballos que nos permitan poñer en valor, desde o respecto e a interpretación histórica, dous dos espazos de maior valor turístico, ambiental e pedagóxico da Coruña", segundo sinala a concelleira de Medio Ambiente, María García. 

A proposta, cuxas liñas mestras presentou a edil, xunto ao alcalde, Xulio Ferreiro, e o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, á Mesa Cidadá do Plan de Revitalización da Cidade Vella, pasa pola naturalización, humanización e habilitación con equipamento destes dous espazos urbanos clave desde o punto de vista social para o barrio, "onde o número e superficie de zonas verdes é reducido", apunta a responsable municipal. 

"Estamos a falar dun proxecto integral de mellora destes espazos, desde un enfoque múltiple, pero facendo especial fincapé tamén na parte botánica, co obxectivo de recuperar a esencia de lugares singulares cun importante valor histórico, patrimonial e didáctico", asevera García. A iniciativa contará cun orzamento máximo de execución de 400.000 euros, a cargo de fondos europeos EIDUS. O proxecto EIDUSCoruña está financiado nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do eixe de desenvolvemento urbano do Programa Operativo Plurirrexional de España (antes POCS).