Buscar/Hemeroteca

lunes, 2 de julio de 2018

Promoción das cidades Patrimonio da Humanidade en Holanda

O Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade, no que está Santiago de Compostela, presentou na Haia (Holanda), xunto con Paradores, as novidades da súa oferta turística e cultural ao sector profesional do turismo holandés.

O acto, celebrado na Residencia do Embaixador de España nos Países Baixos, foi organizado pola Oficina de Turismo de España na Haia no marco do convenio de colaboración do Grupo de Cidades Patrimonio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo/Turespaña para a promoción internacional das 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. 

Preto de 60 representantes de axencias de viaxes, turoperadores e medios de comunicación coñeceron de primeira man estes destinos patrimoniais e as posibilidades de aloxamento nos establecementos da rede de Paradores.

O obxectivo da acción comercial é converter a oferta patrimonial das 15 cidades UNESCO nun destino novo e atractivo para os viaxeiros holandeses, dirixido a un turista que busca unha experiencia completa que inclúe historia, gastronomía, compras e un lecer cultural e patrimonial.

Viaxar en vacacións é un hábito de consumo moi arraigado entre os holandeses. Segundo NBTC-NIPO Research, en 2017 o 82% da poboación viaxou en vacacións, cifra que creceu un +1,3% respecto de 2016, resultando unha media de 2,82 viaxes por persoa. A metade das viaxes de vacacións realizáronse ao estranxeiro, uns 19,1 millóns de viaxes (+6,7%). A principal motivación destas viaxes ao estranxeiro é a visita a cidades combinada coa cultura e, neste contexto, España sitúase como terceiro destino preferido para os holandeses.

En total, no ano 2017 visitáronnos preto de 3,7 millóns de turistas holandeses, o que sitúa a Holanda como quinto mercado emisor, tanto en fluxo de turistas como en gasto (4.021 millóns de euros). O acumulado dos primeiros meses de 2018 presenta unha tendencia de crecementos, tanto no fluxo de turistas (+10,2%), como no gasto (+11%) e nas pernoctaciones hoteleiras (+3,2%) (INE).

No hay comentarios: