Oímbra invita a festexar os seus pementos o vindeiro domingo

A XXI edición da "Feira do Pemento" de Oímbra, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, celébrase este domingo, coa colaboración da Deputación de Ourense. En palabras do seu vicepresidente, Rosendo Fernández se trata "dunha das citas gastronómicas de referencia na nosa Comunidade Autónoma, na que o protagonista, o pemento de Oímbra, un produto clave da nosa gastronomía provincial".

A alcaldesa de Oímbra, Ana Villarino lembrou que desde o ano pasado, "están nos mercados as bolsas etiquetadas co pemento de Oímbra, unha iniciativa, que como outras, contribúen a que a través do pemento, da horta e do viño, a xuventude asente no noso municipio".

Na carballeira de Oímbra estarán instalados stands de produtos agrarios, de maquinaria agrícola e de artesanía, así como actividades gratuítas e xogos tradicionais tanto para nenos como para maiores. Asemade, durante a Feira tamén se celebrará o tradicional concurso de pratos de cociña, ás 12.00 horas, no que o ingrediente principal será o pemento. "Trátase máis ca dun concurso, dunha presentación dos pratos, onde tódolos participantes reciben un agasallo, e froito do cal, elaboramos un recetario con tódalas receitas participantes do ano anterior", explicou Ana Villarino. 

A xornada continuará con música que correrá a cargo da charanga BCB de Celanova, e ás 14.00 horas, será a quenda para o xantar popular, amenizado pola música de "DJNESS". "As entradas para o xantar xa están á venta por un custe de 12 euros", sinalou a alcaldesa de Oímbra. A programación continúa ás 19.00 horas actuará Daniela Dicostas e ás 20.00 horas, será a quenda para Black Stereo. Ao longo do día, tamén haberá degustación gratuíta de pementos.