O 17 de xullo competirase polo mellor petisco da cociña galega de 2018

O vindeiro 17 de xullo celebrará a súa final a cuarta edición do certame De Tapas por Galicia, na que cociñeiros das sete cidades galegas, gañadores dos seus respectivos concursos locais de petiscos, competirán nunha gala show cooking que terá lugar no hotel AC Palacio del Carmen de Santiago de Compostela, un espazo histórico no centro da capital galega.

Organizado por Turismo de Galicia, o concurso De Tapas por Galicia busca promover a creatividade gastronómica, especialmente a presentada en pequeno formato, como elemento dinamizador do turismo urbano, no que cada vez máis os visitantes buscan un achegamento á cultura, ás tradicións e á innovación dos seus destinos tamén a través do padal.

Un xurado integrado por profesionais de prestixio do sector outorgará no evento o Premio ao Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, mentres que unha selección do público asistente encargarase tamén de xulgar os pratos para conceder o galardón popular.

Os participantes presentan nesta edición receitas nas que a cociña tradicional galega adáptase á actualidade con técnicas, elaboracións e presentación vangardistas, recollendo, en moitos casos, influencias doutras culturas gastronómicas.

Na gala competirán como finalistas Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo e Sergio Orge (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo). De entre as súas propostas sairá o mellor petisco da cociña galega de 2018.