Buscar/Hemeroteca

lunes, 16 de julio de 2018

IV Gala Showcooking De tapas por Galicia

Este martes celebrarase en Santiago de Compostela a IV Gala Showcooking De tapas por Galicia, na que se elixirá ao mellor cociñeiro de petiscos 2018, de entre os representantes das sete grandes cidades galegas que foron previamente gañadores dos concursos locais de minipratos que se celebraron durante o pasado ano.

A gala concíbese como un evento de cociña en directo que serve de colofón final para os diferentes concursos de tapas postos en marcha nos últimos meses na Comunidade galega e nos que a Administración autonómica pon en valor o alto potencial do turismo urbano e enogastronómico á hora de configurar unha oferta turística de calidade. As propostas dos cociñeiros serán sometidas á valoración dun xurado de profesionais relacionados co turismo e a enogastronomía, que decidirá quen é o Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia, mentres que o público asistente á gala, integrado por expertos do sector, asociacións, xornalistas e blogueiros, outorgará o Premio do Xurado Popular.

A final do certame contará coa participación de Alejandro Martínez Bacelo (Café Vanessa, Ferrol); Sergio Musso e Francisco Chicón (Ecléctic, A Coruña); Álvaro Pérez Blanco (ArteSana Gastrobar, Santiago de Compostela); Rubén González Vallejo (El Cafetín, Pontevedra); Rafael Pérez Iglesias (La Carpintería, Vigo); Bianca Coura, Gerson Iglesias e Pablo Domínguez Veloso (A Adega das Caldas, Ourense); e Alejandro Méndez Lázare (Os Cachivaches, Lugo). De entre as súas propostas sairá a mellor tapa da cociña galega.

De tapas por Galicia enmárcase no obxectivo da Xunta por difundir a creatividade e innovación dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. Ten en conta tamén o feito de que os visitantes busquen de xeito habitual o achegamento á cultura galega a través da enogastronomía, onde a cociña en pequeno formato é unha opción cada vez máis valorada en calquera época do ano permitindo así tamén afondar no compromiso de desestacionalización, eixo da Estratexia de turismo de Galicia 2020.

No hay comentarios: