Impulso a candidatura de Montañas do Courel para ser declarada Xeoparque Mundial pola UNESCO

A Deputación de Lugo convértese na principal administración impulsora da candidatura Montañas do Courel para ser declarada Xeoparque Mundial pola UNESCO no vindeiro ano2019, gracias o convenio asinado entre o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Asociación para a promoción territorial Montañas do Courel, integrada polos Concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, por valor de 25.000 euros, para a posta en marcha durante a presente anualidade de actividades informativas e divulgativas deste territorio.

O convenio asinado ten como finalidade sufragar os gastos do proxecto de promoción e difusión da candidatura que contempla, entre outros aspectos, a realización de traballos de sinalización, a creación de novas rutas turísticas na contorna, a organización de xornadas de estudo do propio territorio, ou a elaboración dunha guía turística.

Santos Ramos destacou que “sendo coñecedores da importancia deste recoñecemento para o desenvolvemento económico e turístico da zona, xa no 2016, dende o Goberno da Deputación decidimos sumarnos a esta iniciativa, sendo a 1ª institución pública, ademais dos propios municipios, en adherirse ao proxecto. Somos, deste xeito, a principal administración galega que traballa xunto aos concellos de Ribas de Sil, Quiroga e Folgoso do Courel, para conseguir este distintivo da Unesco”.

O Deputado engadiu que “as Montañas do Courel conforman un dos espazos naturais máis importantes e ricos en canto a fauna e flora xa non só da provincia, senón de toda Galicia. De obter o recoñecemento por parte da UNESCO, seremos o primeiro espazo do noroeste peninsular en contar con esta distinción internacional, coa importante repercusión que isto tería para a provincia”.

Así mesmo, a través deste convenio, a Asociación comprométese a realizar accións informativas para incluír á cidadanía dos tres Concellos implicados no proxecto co obxectivo de sumar entre todos para facer posible o recoñecemento de Xeoparque de cara á próxima anualidade.