Fusión flamenca na terraza de Os Xoves de Códax

A terraza de Bodegas Martín Códax énchese da mellor música un novo xoves, esta vez con Marcos Teira e Translations Quinteto, que convidan a subir ao escenario a La Nega e El Panky, para ofrecer un espectáculo único que redifica o flamenco con outros estilos como a música negra, o jazz, o pop ou os boleros. 

Marcos Teira, que xa participou no ciclo de concertos da bodega noutra ocasión xunto con Alba Molina, sobe á terraza de Códax esta vez acompañado do seu quinteto, onde a súa guitarra flamenca se suma a cubanía jazzística do piano de Alejandro Vargas, o caixón xitano do galego Moisés, a excelencia do contrabaixo de Alfonso Calvo e o flamenco vital de Isaías Salazar. Xunto a eles estarán Amparo Velasco, máis coñecida como La Negra, e Juan Manuel Fernández Mendoza, El Panky, ambos cunha dilatada experiencia no mundo da música e que levan dende o 2010 traballando xuntos, fusionando o flamenco co pop, o jazz, o tango ou a música brasileira. 

Con motivo do concerto no ciclo Os Xoves de Códax, os artistas realizarán una convivencia artística no Pazo de Almuíña, en Arbo, para ultimar os detalles da súa actuación. Neste caso, a convivencia realizarase na mañá do mesmo xoves, momento no que darán as últimas pinceladas á actuación da tarde nun entorno tranquilo e perfecto para o desenvolvemento artístico. 

Un total de 400 entradas foron vendidas para o concerto, cuxa recadación se destina a fins benéficos e que nesta ocasión terá á Asociación Bata de Vilagarcía de Arousa como beneficiaria. Dende esta asociación atenden a persoas con autismo ou discapacidade intelectual e ás súas familias, dende os tres anos ata a idade adulta con programas de independencia e autonomía, actividades orientadas á inclusión e participación na comunidade, apoio ás familias, etc..