Buscar/Hemeroteca

martes, 31 de julio de 2018

Flamenco fusión para pechar as festas do Apóstolo

A cantante catalá Rosalía será o prato forte do último día das festas do apóstolo, presentando na praza da Quintana o seu novo traballo,  El mal querer, co que está a revolucionar as redes. Os convites, que se podían recoller de balde no Teatro Principal, levan xa unha semana esgotados.
A cantante apostou polo flamenco máis puro no seu primeiro álbum e polo flamenco fusión e o trap nas cancións do seu novo traballo. Ademais, foi a responsable da música de cabeceira da popular serie de Netflix de Javier Ambrossi e Javier Calvo, Paquita Salas.
Tralo concerto as festas rematarán xa entrada a madrugada cos tradicionais fogos fin de festa, tirados dende o Campus Sur a partir das 23:30 horas. O espectáculo terá unha duración de 18 minutos e contará cun total de 4.984 efectos de disparo e case 444 quilos de pólvora.
Unha representación cidadá poderá ver os fogos dende a terraza do Pazo de Raxoi, despois da recepción que o alcalde, Martiño Noriega, e o resto da Corporación fará a integrantes das asociacións veciñais e do Consello de Relacións Veciñais. Será ás 22:30 horas, recuperando así un acto que non puidera realizarse en 2017 a causa das obras na terraza do Pazo de Raxoi.
Rematados os fogos a atención céntrase en dous espazos, no Paseo Central da Alameda, coa orquestra Assia, e na praza do Toural, cos Cantos de Taberna de Manolo Bacalhau.

No hay comentarios: