Encontro nos Pendellos coa gastronomía gourmet e a música en "Corazón da Artesanía"

Do 6 ao 8 de xullo o recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) acolle Corazón da Artesanía. VII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Contará coa participación de 52 profesionais de Artesanía de Galicia de 26 oficios diferentes como a xoiería e a ourivería, a carpintería de ribeira, a cestería, os tecidos de baixo lizo, a marroquinería, a bixutería, os instrumentos musicais, a olería, a tellería, a cerámica, a forxa, as colareiras, a elaboración de zocos, a talla de madeira, a ebanistería, o encaixe, os tapices, os xoguetes, a torneiría de madeira, a ilustración, as maquetas, a zapatería, a elaboración de figuras de pan e a manipulación de papel. 

O Corazón da Artesanía, que o ano pasado atraeu a máis de 9.000 persoas, contará con demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros abertos para todos os públicos que están programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. Centraranse na cestería, no manipulado de papel, a elaboración de calzado, o torno cerámico e os tecidos de alto e baixo lizo, ademais da pintura sobre tecido. 

A Fundación Artesanía de Galicia impulsa dous cursos de formación especializada: Novas ferramentas para novos artesáns, dirixido por Rubén García-Louzao Araújo (Pontevedra) e Manipulación de palla trenzada para elaborar complementos, impartido por Félix de Martín (Ourense).para artesáns e tres obradoiros dirixidos a interesados en introducirse nos oficios artesanais, 

Os outros tres obradoiros son o de Cestería tradicional con vimbio, impartido polo artesán Antonio Suárez Dávila (Vigo), Cestería tradicional con palla e silveira, a cargo de Álvaro M. Leiro (Pazos de Borbén), e o curso de Iniciación á Ilustración, a cargo de Iria Ribadomar (Santiago de Compostela). A segunda edición do Campus dos Oficios leva por título A materialidade da pedra. Da artesanía á industria, camiños de ida e volta e celebrarase o sábado 7 de xullo no Auditorio Manuel Costa Casares, contando coa participación de arquitectos, artesáns, artistas e especialistas nestes materiais. 

Como xa é habitual, o Corazón da Artesanía incorpora a iniciativa Artesanía no Prato, co obxectivo de achegar Artesanía de Galicia ao eido da mellor gastronomía galega, a través de showcookings de prestixiosos cociñeiros galegos que empregan pezas da marca como soporte dos seus menús. 

Nesta sétima edición participarán Iñaki Bretal, do restaurante O Eirado da Leña (Pontevedra), Héctor López, do Restaurante España (Lugo), María Varela do restaurante A Parada das Bestas (Palas de Rei) e Javier Rodríguez Ponte “Taky” do Catering Boketé (A Coruña). 

Ademais, está previsto organizar unha degustación de produtos galegos e unha cata comentada de viños de Galicia a cargo de Vide, Vide!, que terá lugar o sábado ás 18:00 h, así como unha degustación da Coctelería Long Drink con augardente de Galicia, a cargo de Xaime Rodríguez, o venres ás 18:00 horas. 

Ademais, un total de 49 empresas de produtos de alimentación participan nesta sétima edición do Corazón da Artesanía, ademais de 5 food trucks que estarán á disposición dos visitantes nas proximidades dos Pendellos. 

O grupo O Sonoro Maxín será o encargado de pechar o programa do venres 6 de xullo e a banda de jazz compostelá Sumrrá protagonizará a noite do sábado 7. Os dous concertos están programados para as 22:30 horas. O domingo será a quenda de De vacas, que actuarán en sesión vermú, ás 13:00 horas. O sábado tamén ás 13:00 terá lugar o espectáculo de música e teatro As fillas bravas, da compañía Chévere. A música tradicional estará representada pola Asociación Cultural Xacarandaina, da Coruña, que actuará o domingo ás 19:00 horas, así como por Bico da Balouta, de Agolada, que se encargará dun pasacalle o sábado a partir das 18:00 horas.