As previsión de ocupación estival na provincia de Pontevedra son moi positivas

As estimacións de ocupación hoteleira en Pontevedra Provincia para este verán sitúanse por enriba do 80%", fronte ao 60% que prevé o Clúster de Turismo de Galicia para toda a comunidade, segundo sinalou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Segundo precisou portais de reservas como Booking falan xa nestes momentos dun 87% para xullo, dous puntos máis que o ano pasado, e un 88% para agosto e, por outra banda, "moitos establecementos das Rías Baixas xa nos confirmaron que teñen o 100% das prazas cubertas para os dous meses", dixo a presidenta.

Os datos porcentuais de ocupación o ano pasado foron do 87,55% (84% en xullo e 91,1% en agosto), que neste ano poderíanse incrementar nun 30% segundo as previsións de entidades como Feprohos.

Por comarcas, as estimacións que manexa a Deputación de Pontevedra serían dun 77,5% no Salnés (77% en xullo e 78% en agosto), un 75% na comarca de Pontevedra ou un 85% na do Morrazo (80% en xullo e 90% en agosto); Un 86% en Caldas en xullo (mes de celebración do #RíasBaixasFests ‘PortAmérica' con posibilidades de chegar ao 100%) e un 85% en agosto. 

No caso da comarca de Vigo, a ocupación prevista é do 89,5% (87% en xullo e 92% en agosto), 7 puntos máis que o pasado verán. Para o Baixo Miño, un 91% (88% en xullo e 92% en agosto), para o Condado e a Paradanta un 84% (78% en xullo e 90% en agosto), con ata 13 puntos máis que os previstos en 2017, e finalmente un 61,5% para Deza e Tabeirós-Terra de Montes, cun 65% en xullo e un 58% en agosto. 

As estimacións de ocupación no turismo rural, acadan o 69%, é dicir, dous puntos máis que as do verán pasado (67%). Por comarcas, 74% no Salnés, 55% en Pontevedra, 91% no Morrazo, 85% en Caldas, 88% no Baixo Miño, 65% no Condado e a Paradanta e 55% no caso de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. 

En canto a vivendas turísticas hai inha previsión do 75% e unha ocupación do 70% durante o mes de xuño, e tamén dos cámpings da provincia cunha estimación do 77% en xullo e o 87% de agosto. En canto ao turismo de cruceiros, o 48% a nivel galego do primeiro semestre do ano "entrou polo Porto de Vigo, polo que a provincia tamén lidera neste tipo de turismo", segundo sinalou a Presidenta da Deputación.