Aprobado o expediente de contratación de Depotermal 2019

O expediente de contratación para a adxudicación do programa de termalismo social que ten como obxectivos mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e ao mesmo tempo, ser un plan dinamizador da economía da provincia de Pontevedra ao darlle pulo ao sector turístico naqueles meses de menor actividade, ven ven de ser aprobado pola Deputación en Xunta de Goberno, , mediante procedemento aberto. Trátase do servizo de xestión, desenvolvemento e execución do programa Depotermal 2019. 

Vaise valorar con ata 8 puntos o compromiso da empresa para mellorar as condicións laborais e salariais por riba do convenio sectorial e territorial ás persoas guías oficiais do programa, así como con ata 5 puntos o compromiso de incluír dentro do equipo humano a persoas menores de 30 anos e persoas con diversidade funcional.

Depotermal 2019 ofertará un total de 4.434 prazas para as súas dúas modalidades: 1.248 para a diúrna, mediante a que as persoas beneficiarias asisten aos establecementos termais durante cinco días consecutivos, e 3.186 para o programa termal con pernoita, a través da que se ofrece unha estancia de seis días e cinco noites. Como vén ocorrendo desde 2016, a Deputación financia integramente 434 prazas, en ambas modalidades, para que familias en situación e/ou risco de exclusión social se poidan beneficiar desta iniciativa.

Con esta nova contratación, o Goberno provincial continúa a súa senda pioneira de introdución de cláusulas de responsabilidade social nos contratos públicos, tal e como se establece na nova Lei de contratos do sector público. Recentemente, o programa "Tecendo lazos" e "DepoIntegra 2" foron os primeiros en incorporar cláusulas sociais nos contratos para adxudicar a súa execución.

f_ depo.gal