A langosta está en A Guarda

O Concello da Guarda acolle dende este venres día 6 de xullo a XXVIII edición da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, Festa de Interese Turístico de Galicia, este evento gastronómico que conta cunha gran traxectoria ofertará un total de 24 pratos da cociña mariñeira ademais de sobremesas, acompañados dos viños da Subzona do Rosal da D.O. Rías Baixas.
Esta recoñecida festa ofrece a langosta enteira a 25 €, e unha ampla representación dos produtos do mar de Galicia, tales coma, percebes, nécoras, calamares, chipiróns, navallas, langostinos, mexilóns, vieiras, polbo… con prezos populares que van dende os 4 ata os 13€. Unha boa oportunidade para degustar a ampla oferta de produtos do mar de Galicia.
Coma non podería ser doutra maneira, un bo xantar ou cea debe acompañarse cuns bos viños e unha boa sobremesa, para elo a oferta compleméntase cos viños Albariño Gran Novás e Rosal Señorío da Torre, ámbolos dous da Subzona do Rosal da D.O. Rías Baixas. Na sobremesa destaca a Rosca de Xema, postre típico da Guarda será o protagonista, xunto con outros doces como a Tarta Santa Trega, atalaias doces, filloas,…