Buscar/Hemeroteca

viernes, 27 de julio de 2018

A exportación de viño galego supera o 18% do total producido

A produción comercializada no exterior polas cinco denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia (Monterrei, Ribeiro, Ribeira Sacra, Rías Baixas e Valdeorras) supera xa o 18% do total. A tendencia á internacionalización estase, ademais, incrementando, posto que hai dez anos esta porcentaxe apenas pasaba do 13%. 

Así o destacou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación do libro “O potencial aromático das variedades de vide cultivadas en Galicia” editado polo seu departamento e que inclúe referencias históricas e técnicas sobre a produción de viño na nosa comunidade, entre elas fichas do potencial aromático das nosas castes tradicionais. 

A conselleira estivo acompañada neste acto polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez, e pola coordinadora da publicación, Mar Vilanova. Na súa intervención, apostou por fomentar esa internacionalización do sector a través do traballo conxunto da Xunta, os consellos reguladores, os viticultores e os adegueiros e tendo sempre como bandeira a extraordinaria calidade dos viños galegos. 

En relación co libro, a titular de Medio Rural salientou que se trata dunha “obra coral”, froito do traballo conxunto dun grupo de especialistas na materia, e que ten a bondade de combinar “o seu carácter técnico e científico co de divulgación, de interese para a poboación en xeral”. Valorou tamén o recoñecemento que supuxo a mención especial outorgada pola Organización Internacional da Viña e o Viño (OIV) a esta publicación, na categoría de viticultura. 

A conselleira avogou, así mesmo, por “reforzar a aplicación da investigación, o desenvolvemento e a innovación e impulsar a transferencia de coñecementos ao sector”, algo ao que contribúe, dixo, este libro. E rematou a súa intervención lembrando os principais datos deste eido produtivo, tales como os 16.000 viticultores e as 460 adegas que agrupan as denominacións de orixe galegas. 

No hay comentarios: