Buscar/Hemeroteca

miércoles, 18 de julio de 2018

A D.O. Valdeorras apúntase ás novas tecnoloxías

Na vindeira campaña o C.R.D.O. Valdeorras poderá monitorizar os datos da vendima (número de quilos recollidos, datos por variedades, etc) en tempo real, grazas ao desenvolvemento dunha app específica para o organismo. Así llelo indicou o presidente do Consello Regulador, José Luis García Pando, aos membros do pleno do organismo.

“Coa habilitación desta aplicación, o Consello Regulador experimenta un salto cualitativo posto que diferentes procedementos administrativos relacionados coa vendima que ata o de agora se realizaban de xeito analóxico, pasan a dixitalizarse”, destacou García Pando. 

A nova app, que será presentada proximamente aos adegueiros, posibilitará fomentar o proceso de transformación dixital no seo do Consello Regulador. A empresa que se ocupou de desenvolvela ofrecerá formación sobre o seu emprego a todos os membros do sector vitivinícola valdeorrés, posto que o seu uso será obrigatorio na próxima campaña. 

Xunto a isto, o Pleno do organismo aprobou o procedemento de auditoría de vendima e as normas da vindeira campaña para vedores, adegas e explotadores, que sofren lixeiros cambios para adaptarse aos requirimentos esixidos por ENAC. 

No hay comentarios: