A Coruña promociónase con Picasso en China

Dende o 3 de agosto e até o 31 de outubro poderá verse en Shanghai, a segunda cidade de China, unha exposición sobre a primeira etapa de Pablo Picasso, que comezou a súa carreira na Coruña. A mostra conta co apoio da administración local e a colaboraciób da Escola de Artes e Oficios da Coruña Pablo Picasso, así como o Museo Buitrago de Madrid, as Fundaciós Abelló e Palau, o Centre d´Horta.

A mostra, que contará con 137 pezas distribuídas en cinco salas, con cadros dos seus mestres e do seu pai, José Ruiz Blasco, xunto a Isidoro Brocos e Román Navarro, e inspiradores como Gumersindo Pardo Reguera, que conformarán a primeira das salas. 

A segunda estará dedicada aos cadros no Picasso mozo durante a súa etapa de formación na Coruña, mentres que na terceira o protagonismo será para unha das obras máis coñecidas do autor, o Guernica, que estará montada en tres dimensións para que o público poida interactuar con ela e da que se fará un estudo comparativo co gravado La matanza de los inocentes, de Carl Dupuis, que se atopaba na botica de Pardo Reguera. 

A cuarta sala exhibirá cadros de Picasso durante os anos 50, 60 e 70, que permitirá ver a evolución do artista. Para finalizar, a mostra conclúe cunha sala pedagóxica con actividades dirixidas aos nenos e as nenas. Muíños salientou a boa acollida e a "enorme expectación" que está a xerar a mostra, para a que xa se venderon 75.000 entradas. As previsións baseadas na afluencia de público ao museo, indicou, estiman que visitarán a exhibición preto dun millón de persoas.

O alcalde, Xulio Ferreiro, resaltou a importancia de "continuar a tradición de promocionar e divulgar esta etapa de Picasso, que permite incluír A Coruña nesa ruta das cidades picassianas, especialmente nun país como China, onde non só hai un descoñecemento desta etapa do Picasso neno, senón un menor coñecemento do artista en xeral". e puxo de relevo que a exposición vai ir acompañada dunha campaña de promoción turística.

Pola súa banda, a comisaria da mostra, Hsu Fen Lan, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Barcelona, considerou que "A Coruña ten unha xoia" nesta etapa da vida e formación de Pablo Picasso e desexou que "algo tan importante" aumente a súa proxección internacional, estudo e coñecemento. 

f_ coruna.gal