Xornada informativa sobre a nova Lei de Espectáculos Públicos de Galicia

O salón de actos do Pazo de San Marcos de Lugo acollerá o vindeiro mércores, 27 de xuño a partir das 10:00 horas, unha xornada informativa e totalmente aberta organizada polo Goberno da Deputación, sobre a nova Lei de Espectáculos Públicos e actividades recreativas de Galicia, que entrará en vigor no mes de xullo. 

Dirixida a secretarios, interventores, policías locais, e demais persoal ao servizo dos entes locais e do sector público local, ten como obxectivo abordar os aspectos máis relevantes da nova normativa e as implicacións da súa entrada en vigor nos Concellos.

Ao longo da mañá haberá tres relatorios impartidos por: Ana Purificación Otero Ferreiro, Subdirectora Xeral de Xogo e Espectáculos Públicos da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; Jesús Lata Buceta, Xefe de Servizo de Espectáculos Públicos e Desenvolvemento Normativo da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior; e Isabel Varela López, Xefa de Sección do Negociado de Policía, Tráfico e Transporte do Concello de Lugo. Abordaranse, entre outros, aspectos tales como a protección dos menores, a defensa das persoas consumidoras e usuarias, o respecto polo medio ambiente e os animais, a loita contra actitudes discriminatorias e a conservación do noso patrimonio histórico-artístico e cultural.

A Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia é a primeira norma autonómica con rango legal que establece unha regulación xenérica, actualizada e de carácter global desta materia e enche o baleiro normativo autonómico existente na actualidade. A normativa establece o réxime xurídico dos espectáculos públicos e das actividades recreativas que se celebren en establecementos ou espazos abertos ao público, sempre que se desenvolvan integramente no territorio da Comunidade Autónoma.

f_ deputacionlugo.org