De forma paralela á Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia ABANCA celebrouse o Salón de Alimentación do Atlántico, Salimat Abanca, con 1.445 reunións de negocio nos seus Encontros Internacionais de Compradores, o que supuxo un 31% máis que na pasada edición, cando foran 1.100.
Os encontros, entre 127 empresas e entidades presentes no salón e 25 compradores alimentarios de 14 países, tiveron lugar os dous primeiros días do certame. Deles 17 foron importadores de Alemaña, Bélxica, Colombia, Holanda, Italia, Lituania, México, Noruega, Perú, Reino Unido, Xapón e, por primeira vez no salón, de Emiratos Árabes e Kazaxistán. Os restantes foron 8 compradores nacionais, correspondéndose estes últimos con distribuidores, empresas do canal Horeca e tamén cadeas da gran distribución alimentaria españolas ou con presenza no país como son Carrefour, El Corte Inglés e Cash Galicia.
Uns resultados que supoñen a satisfacción xeralizada tanto da oferta como da demanda presente nos Encontros, destacando tamén esta última o interese de poder coñecer nesta edición tanto oferta galega como doutras rexións.
Os Encontros Internacionais de Compradores, que contan co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), convértense deste xeito nunha eficaz ferramenta comercial, especialmente para a pequena e mediana empresa, para a cal o contacto con estes compradores resulta máis difícil. Así mesmo, representan unha parte esencial da vertente profesional do salón, a cal se centra nos dous primeiros días do mesmo e supón unha importante xeración de negocio.