Praia Viva é unha iniciativa para "crear espazos de diversión sen lixo" que crecerá na súa extensión e chegará tamén ao areal do Orzán co obxectivo de "mellorar o resultado do ano pasado, ampliar as zonas e buscar unha maior concienciación e numero de persoas implicadas en vivir San Xoán dun xeito diferente, máis sostible", según explicou a concelleira de Medio Ambiente, María García.
O Concello delimitará este ano espazos reservados para a Praia Viva en Riazor e Orzán, ademais de todo o areal do Matadoiro, nos que "as persoas que accedan comprometeranse a reducir en todo o posible a produción de residuos e a manter a praia limpa". Nestes espazos, nos que por primeira vez haberá zonas delimitadas para persoas con mobilidade reducida, estarán traballando educadores e educadoras facendo labores de sensibilización sobre a necesidade de reducir a xeración de residuos e a súa a correcta separación. A Praia Viva, que comezou hai dous anos no areal do Matadoiro, é unha iniciativa máis entre as postas en marcha polo Goberno local para acadar un San Xoán Sostible, é dicir, unhas festas máis comprometidas co coidado do ambiente.
Tal e como explicou a concelleira, o Goberno local pretende implantar de maneira progresiva un espazo de festa que sexa respectuoso co ambiente "para amosar e amosarnos que somos quen de gozar da celebración dun xeito ambientalmente responsable". A iniciativa estendeuse o San Xoán pasado a unha franxa de Riazor e este ano "lánzase á conquista do Orzán", "espazos nos que poñeremos todos os medios e recursos para que as persoas que participen na festa poidan xestionar os residuos de maneira sostible".
Esta ampliación dos espazos Praia Vivaresponde aos bos resultados do pasado ano pero tamén ao interese amosado pola veciñanza en 2017 para participar na iniciativa, explicou García, "na que houbo tanta xente que quixo acceder á zona delimitada que houbo que mover os marcos, ampliar as zonas". A concelleira explicou que se traballa con especial intensidade en zonas concretas pola imposibilidade de facer un labor con educadores e educadoras en toda a extensión dos areais pero coa intención de "ir incrementando progresivamente as zonas". "O éxito das praias vivas é que os e as participantes asumen un compromiso activo que esperamos que se manteña e estenda ano tras ano", apuntou.
f_ coruna.gal | rtve.es