O termalismo social en Ourense acadará este ano os 3.000 usuarios

O programa Termalismo Social que desenvolve a Deputación de Ourense superará este ano os 3.000 usuarios, dos cales 51 % utilizan o tren para achegarse ao destino, grazas ao acordo entre a Institución Provincial o Ministerio de Fomento e Renfe, que permite viaxar a Ourense desde 40 cidades de España para gozar das diferentes modalidades balnearias.

Así o expuxo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na presentación do balance dos cinco anos de desenvolvemento do programa, nunha comparecencia xunto  cos alcaldes de Arnoia, Cenlle, Lobios, Baños de Molgas, Cortegada e O Carballiño e os representantes dos sete balnearios da provincia. 

Éxito e máxima aceptación definen esta iniciativa pioneira no ámbito do termalismo, "nun territorio, a provincia de Ourense, líder en Europa pola calidade das súas augas mineiro-medicinais, e polos programas que desenvolve a Deputación de Ourense -unindo turismo termal, ocio e saúde-, de máxima aceptación tanto pola calidade das instalacións e as súas contornas como pola facilidade da xestión de reservas", salientou Baltar.

A Deputación de Ourense realiza esta iniciativa social cun plantexamento innovador consistente na implantación, desde o ámbito local, dun programa de servizos sociais que xira sobre tres eixos: a prestación dun servizo de saúde, benestar e envellecemento activo, a través do termalismo social baseado nos beneficios terapéuticos das augas minero-medicionais; a concepción do programa como un servizo social integral facilitando a mobilidade a través do uso do tren; e o avance da administración electrónica.

O programa de Termalismo social oferta aos usuarios tres modalidades: un programa de Estancias Balnearias de 6 días e 5 noites en calquera balneario da provincia, con 10 técnicas de tratamento termal; un programa de Cultura Termal, con estancias de fin de semana; e un programa de Tratamentos Terapéuticos de diferente duración, sen aloxamento, con especialidades dermatolóxicas, respiratorias ou traumatolóxicas.