Buscar/Hemeroteca

viernes, 1 de junio de 2018

O selo Galega 100% tamén fai o Camiño

Con motivo do Día Mundial do Leite, o Goberno galego promociona hoxe o selo Galega 100% entre os peregrinos que inician o Camiño Francés no concello do Cebreiro, coa entrega de minibricks de leite e folletos informativos. Ata alí desprazáronse a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, para impulsar este distintivo entre os camiñantes nacionais e internacionais. 

O selo Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa comunidade. A materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada. Neste senso, a conselleira destacou a “importancia de dar a coñecer esta marca de garantía, posto que lle permite ao consumidor recoñecer un produto de alta calidade e, ademais, o seu consumo redunda en beneficio económico para o sector lácteo galego”. 

Pola súa banda, a directora de Turismo de Galicia celebrou esta actividade de promoción que vincula “dous dos elementos que mellor poden identificar o rural da Comunidade: o Camiño de Santiago e o leite”. Neste sentido, referiuse á ruta xacobea como o mellor escenario para promover a excelencia deste produto, pois nos cinco primeiros meses do ano percorrérono xa un 10% máis de peregrinos que no mesmo período de 2017 e de ata 142 nacionalidades. 

Nava Castro salientou, amais, que segundo constata o Estudo do impacto socieconómico do Camiño de Santiago realizado pola Universidade de Santiago de Compostela a iniciativa da Xunta, os peregrinos amosan maior preferencia por produtos locais, o que propicia que cada euro de gasto dos camiñantes xere un 11% máis de riqueza e un 18% máis de emprego. “A través desta campaña, o Camiño de Santiago convértese unha vez máis nun aliado dos intereses de Galicia e das súas mellores materias primas”, afirmou a directora de Turismo. 

A conselleira sinalou tamén que esta promoción estenderase ao mes de agosto coa entrega de pequenos cartóns de leite Galega 100% nos 20 albergues públicos do Camiño Francés en Galicia, situados nos concellos do Cebreiro, Triacastela, Samos, Sarria, Paradela, Portomarín, Monterroso, Palas de Rei, Melide, Arzúa e O Pino. Tamén se repartirán nas oficinas de turismo destes 11 concellos que se adheriron á campaña, feito que a conselleira agradeceu. 

No hay comentarios: