O Premio “Vida entre Vides” entregaráselle a Manuel García Montero o 26 de xuño, no Mosteiro de San Clodio

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro decidiu outorgar o seu Premio “Vida entre Vides” a Manuel García Montero, presidente de honra da Cooperativa Vitivinícola Viña Costeira, que recibirá unha homenaxe na Gala de Premios que se celebrará o vindeiro martes, 26 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro).

Manuel García Montero (Cenlle, 1937) estivo vinculado durante toda a súa vida á comarca do Ribeiro, combinando o traballo familiar nas viñas coa súa profesión de mestre e de alcalde de Cenlle (1969-2011). Da man de Eulogio Gómez Franqueira, foi un dos promotores activos da fundación da Cooperativa Virxe do Cristal de Ribadavia, traballando para construír desde a base toda a masa social de viticultores que logo conformarían esa entidade fundada en 1967.

Socio fundador, en representación da súa familia, da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro, entidade que nace como produto da fusión da Cooperativa San Pedro de Leiro e a Cooperativa Virxe do Cristal de Ribadavia, Antonio García Montero formará parte activa dun momento decisivo de reconversión da viticultura deste territorio, centrados en recuperar variedades históricas e autóctonas como a Loureira, Godello, Albariño e Treixadura así como pola introdución da tecnoloxía no traballo da viña e da adega. “A chegada das cooperativas supuxo un cambio fundamental non só pola reconversión do viñedo se non pola creación de viñas comunitarias e pola ampliación da comercialización nacional e internacional, apostando pola venda de viño embotellado en detrimento do granel”, explica García Montero.

A partir da creación da Cooperativa Vitivinícola Pazo do Ribeiro en 1968, actualmente coñecida como Viña Costeira, compaxina labores políticos coa viña e o desenvolvemento de distintos cargos de responsabilidade na Cooperativa destacando a súa participación como membro da Xunta Reitora. Foi presidente da Cooperativa durante máis de vinte anos e desde 2015 ostenta a súa presidencia de honra.

Coa entrega do Premio “Vida entre Vides”, García Montero converterase na terceira persoa que recibe este recoñecemento, despois do viticultor Avelino Lorenzo e o responsable da adega Vilerma, Arsenio Paz, que recibiron esta distinción en 2016 e 2017, respectivamente.