O destino #PontevedraProvincia promociónase en Braga

No Teatro Circo da cidade portuguesa de Braga a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada pola deputada provincial, Digna Rivas, presentou onte o destino #PontevedraProvincia e a campaña de promoción turística "Somos historias". 

No acto de presentación, no que se congregaron un centenar de persoas integradas por turoperadores, axencias e medios de comunicación, participaron o vereador de Turismo de Braga, a vereadora de Cultura da cidade, así como a vereadora de Turismo de Guimaraes e representantes de turismo de Porto-Norte.

Na segunda incursión portuguesa, tras pasar por Porto, a presidenta provincial centrou a promoción do destino Rías Baixas nas rutas do Camiño Portugués cara Compostela. Neste eido, Silva puxo en valor a importancia da cidade de Braga, como punto de paso cara Santiago, e na necesidade de promover o camiño "para que a xente que o estea a percorrer poida volver e coñecer todo o que pode ofrecer a provincia de Pontevedra, con recursos patrimoniais a carón do camiño como o mosteiro de Santa María de Oia, do século XII, a carón do mar, ou outros mosteiros como os de Poio e Armenteira, cemiterios como o de Santa María de Dozo e a paz das vilas termais como Caldas ou Cuntis".

O vídeo da campaña, no que se da conta dos principais valores do patrimonio da provincia de Pontevedra, deu paso ao á gastronomía, ao enoturismo e á calidade, aspectos que tamén protagonizaron a acción promocional efectuada pola Deputación de Pontevedra en Braga. De feito, a presidenta provincial asegurou que "somos a provincia española con maior número de distintivos de calidade SICTED, que pon de manifesto que o sector privado se implicou moito en prestar un servizo innovador e de calidade".

Pola súa banda o vereador de Turismo de Braga, que tamén enxalzou os lazos que unen a Portugal coa provincia de Pontevedra, adiantou que proximamente a cidade se desprazará ata Pontevedra para presentar os seus recursos turísticos na capital da provincia.

f_ depo.gal