O destino "Pontevedra provincia" preséntase en Córdoba

Destacando a singularidade da provincia e os puntos en común con Córdoba, a presidenta da  Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta mañá o destino "Pontevedra provincia" da man do presidente da Deputación de Córdoba, Antonio Ruiz, no Hotel Eurostars Palace da cidade andaluza. 

Ante unha grande afluencia de público integrado por medios de comunicación, axentes de viaxe, turoperadores, integrantes da Asociación de Amigos dos Camiños Mozárabes e da Casa de Galicia en Córdoba, a deputada de Turismo da Deputación cordobesa e membros do concello andaluz, Carmela Silva puxo en valor os principais recursos turísticos das Rías Baixas, 

A presidenta da Deputación explicou o eixo central da campaña elixida pola institución provincial para este 2018, "Somos historias". "Este ano conmemoramos o Ano Europeo do Patrimonio Cultural e quixemos aproveitar esta celebración para ofertar todo o patrimonio que temos, desde castelos, fortalezas e murallas, ata xacementos arqueolóxicos, museos, mosteiros, paisaxes, patrimonio literario, a nosa cultura e as nosas festas, 4 delas declaradas de interese turístico internacional.

E todo elo da man de María Vinyals" asegurou Carmela Silva. Máis polo miúdo, Silva enxalzou o papel clave e histórico de María Vinyals, nada no Castelo de Soutomaior pero cunha importante relación con Córdoba, onde pasaba longas temporadas en Huerta de los Arcos e no Palacete do Marqués de la Vega.

A gastronomía e os camiños cara Compostela tiveron tamén protagonismo na presentación do destino Rías Baixas. Neste eido, a presidenta provincial destacou as cinco "Estrelas Michelin" da provincia e as cinco rutas cara Compostela, entre as que enxalzou a Vía da Prata, percorrida o pasado ano por 10.000 persoas, por ter en Córdoba un dos seus eixos centrais.

Pola súa banda, o presidente da Deputación de Córdoba, Antonio Ruiz, asegurou que "entráronme unhas ganas tolas de visitar Rías Baixas despois de escoitar a Carmela Silva falar sobre a riqueza e diversidade da provincia" e puxo en valor "as moitas cousas que unen Córdoba e Pontevedra". Neste contexto, Ruiz destacou tamén a figura de María Vinyals, os camiños mozárabes e as rutas cara Compostela así como a xudería, poñendo como exemplo a Tui.