Noveno aniversario da Torre de Hércules como monumento Patrimonio Mundial

Este mes de xuño a Torre de Hércules celebra o seu IX aniversario como membro da lista do Patrimonio Mundial da Unesco, e o o Concello da Coruña programa entre o 27 de xuño e o 1 de xullo distintas actividades abertas á cidadanía, que se estenderán tamén á contorna do faro e outros espazos da cidade, como é o caso do concerto conmemorativo que a Banda Municipal ofrecerá o mércores 27 na praza das Bárbaras, na Cidade Vella.

O inicio do programa festivo chegará da man da iluminación especial da Torre, que terá lugar na noite do 26 ao 27 de xuño. Dende o propio mércores 27, e até o sábado 30, sucederanse as recreacións históricas Ave Crunia da man das asociacións culturais Royal Green Jackets, Esgrima Antiga e Gallaecia Viva. Esta actividade incluirá tamén a Escola de pequenos lexionarios e gladiadores, un photocall romano, charlas divulgativas e dramatizacións das vidas militar e civil romanas, así como unha recreación histórica do Século de Ouro. 

As representacións contarán ademais co acompañamento da compañía de teatro Noite Bohemia, que realizará xogos de mesa romanos para todos os nenos e nenas que se acheguen o día 27. A mesma agrupación, que vén de ser escollida polo Ministerio de Cultura para participar no Concurso de Teatro Grecolatino de Sagunto, representará o sábado 30 a obra Troyanas. 

Tamén o propio día 27 terá lugar a inauguración, dentro da Torre, dunha exposición de fotografía, como resultado do concurso celebrado nas pasadas semanas a través da rede social Instagram, no que se solicitaba ás persoas participantes que compartisen imaxes gozando da contorna da Torre de Hércules co cancelo #MásQueUnaTorre. Xa na xornada do xoves 28, entre as 17.00 e as 21.00 horas, a asociación cultural A Contorna ofrecerá diferentes obradoiros vinculados á natureza e o coidado do medio ambiente. 

Tanto o programa coma todas as actividades, tamén as centradas nas e nos máis cativos que que se van desenvolver ao longo destes días poderanse consultar a través das páxinas www.turismocoruna.com, www.torreherculescoruna.com e nos espazos en redes sociais da Torre de Hércules: www.facebook.com/torredehercules, www.twitter.com/torrehercules e o perfil de instagram @torrehercules.

f_ coruna.gal