Na Coruña, un San Xoán sostible

O Concello da Coruña amplía o dispositivo municipal destinado a minimizar o impacto ambiental San Xoán nunha dedidica aposta pola sostibilidade.

Así o explicou en rolda de prensa a concelleira de Medio Ambiente, María García, "San Xoán é unha celebración de interese turístico que, á vez, ten un gran impacto ambiental, polo que é un dos retos que temos que afrontar de forma conxunta como cidade". A campaña municipal deste ano ten por lema E dicían que non podiamos... Aínda podemos máis, xa que pretende mellorar os bos resultados de recuperación e tratamento de residuos obtidos nas pasadas edicións. 

O dispositivo municipal habilitado especialmente para San Xoán conta este ano con 15 Illas de Reciclaxe, espazos especialmente deseñados para favorecer a recuperación e o depósito dos residuos, sen que estes quedan nas praias. Estas illas de reciclaxe estarán ubicadas en Riazor (5), Orzán (6), así como en Matadoiro, Lapas, San Amaro e Oza. Estes espazos contarán con contedores de vidro, de orgánico e outros de tipo obra de gran tamaño para o depósito de inorgánicos. Tamén estarán habilitados aseos, así como puntos de descarga de madeira (excepto nas Lapas, onde non se poderá baixar leña debido á protección especial deste enclave).

A maiores destas illas de reciclaxe habilitaranse 46 contedores de orgánico de 240 litros e outros 50 de inerte de 800 litros nas inmediacións das praias. Tamén existirán illas de reciclaxe, ademais de na contorna dos areais, na explanada do Pazo dos Deportes de Riazor para atender ao público dos concertos e un total de 52 aseos portátiles ao longo de todas as praias, 10 a ambos lados da Coiraza. Por outro lado, os baños fixos de Riazor estarán abertos até as 06.00 horas da mañá.

Dende a mañá do sábado, e de cara a favorecer o seu coñecemento, repartiranse nas Praias Vivas 1.000 pulseiras, 1.500 chapas e 2.000 folletos sobre a necesidade de acadar o obxectivo do residuo cero.

Ademais, e dentro das accións programadas de sensibilización, destacan as que teñen que ver coa reciclaxe de vidro. Así, en colaboración con Ecovidrio repartiranse 6.000 ecovasos para fomentar a redución de residuos. Ademais da rotulación dos contedores de vidro co lema da campaña de Móllate deste ano (Aínda Podemos Máis), 17 educadores e educadoras fomentarán a reciclaxe de vidro e distribuirán, nas contornas das Illas de Reciclaxe, rascas con sorteos para as persoas que entreguen o vidro nas mesmas até as 04.00 horas da mañá. Entre os premios inclúense entradas para o Aquapark de Cerceda, 100 miniglús de vidro e 10 bicicletas.

Tamén fixo fincapé nas sinerxias que o Concello implementou de cara ás tarefas de sensibilización. En concreto, 375 alumnos e alumnas de centros educativos da cidade participan no programa Móllate!, ademais de diversas entidades integradas dentro da entidade Ecovidrio, catro grandes distribuidoras de alimentación que substituirán 177.500 bolsas de plástico por papel e colectivos como os Kilomberos de Monte Alto e outras asociacións (como o propio Deportivo da Coruña Feminino) que colaboran na divulgación do proxecto Praias Vivas, destinado a acoutar espazos realmente sostibles, onde as persoas poidan acometer as súas festas con compromiso do residuo cero.