Buscar/Hemeroteca

jueves, 28 de junio de 2018

Monterrei celebra os 25 anos cunha festa no Parador de Monterrei

A Denominación de Orixe Monterrei conmemora este 2018 os XXV anos de traxectoria do seu Consello Regulador e, para celebralo, organiza un grande evento que quere compartir con adegueiros, viticultores e profesionais do sector. Baixo o lema “25 anos ao noso lado”.

A gala conmemorativa da efeméride estará conducida pola presentadora lucense Silvia Jato, e servirá para render homenaxe a aqueles que fixeron posible que a Denominación de Orixe arrincara e que levan traballando a prol dos viños de Monterrei ao longo deste cuarto de século de historia.

Por iso o Consello Regulador, que preside Lara Da Silva Rodriguez, tamén quere render unha homenaxe a tres persoas do sector vitivinícola de Monterrei, un viticultor, un adegueiro e un catador que representan ao conxunto do sector que leva traballando desde o comezo para a posta en valor do viño de Monterrei.

O evento quere servir, ademais, para facer memoria do traballo realizado ao longo deste anos para, desde a orixe, encarar con máis forza o futuro dunha D.O nova, a última das galegas en data de creación, pero con máis de dous mil anos de historia vitivinícola ás súas costas.

A cita desenvolverase no Parador Castelo de Monterrei o venres 29 de xuño, a partires das 21.30h. Entre eles está prevista a participación da conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén Do Campo, así como os alcaldes dos concellos do territorio de Monterrei.

A Denominación de Orixe Monterrei suma 26 adegas, 426 viticultores e 566 hectáreas onde se producen viños brancos e tintos que ao longo destes anos veñen de acadar un gran número de recoñecementos en catas e concursos nacionais e internacionais.

No hay comentarios: