Máis de 2.500 persoas xa visitaron a gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo

A primeira gran mostra sobre o traxe aldeán de garda das terras de Lugo na Capela de Santa María, e que conta co selo do Ano Europeo do Patrimonio, xa foi visitada por máis de 2.500 persoas . 

A exposición, que permanecerá aberta ata o día 1 de xullore, colle 25 traxes da colección de mulleres do rural que usaban os días de feira, os domingos para ir á misa ou “domingar”, e que, como norma xeral, son as mellores prendas que usarían ao longo da súa vida. 

Tamén se pode ver mandís de mostra, aos que se lles adica un apartado especial, as mantelas ou lensas que cobren a saia; os refaixos bordardos a man, camisas de liño de corte rectos para aproveitar os anchos do tear e mantillos de gala, mandís de traballo, panos de peito de cabeza, toucas de pelo de cabra e mantóns de lá feitos no Val de San Lourenzo coas mesmas técnicas que as mantas maragatas.

A mostra está composta por prendas orixinais e por reproducións que se complementan con pezas de ourivería compostelá. As pezas, foron recollidas polo colectivo Traxandaina, en casas por toda a provincia, coa finalidade de salvagardar o noso patrimonio cultural.

O Deputada de Cultura, Pilar García Porto, agradeceu “a implicación do colectivo Traxandaina, organizador desta mostra, e convidou a todos os colectivos culturais da provincia a visitar esta colección única, xa que é a primeira vez que se realiza unha mostra destas características. Con esta mostra, contribuímos a dar coñecer a nosa cultura mediante as nosas vestimentas, afondamos nas nosas tradicións, e axudamos a difundir o traballo recompilado polos artesáns da provincia”.