Máis de 250 persoas celebran o cuarto de século da D.O. Monterrei

O Castelo de Monterrei acolleu a máis de 250 persoas entre adegueiros, viticultores e profesionais do sector para celebrar que a Denominación de Orixe Monterrei cumpre este ano o seu cuarto de século de andaina. E fixérono nun acto que tamén serviu para dar comezo a unha nova etapa na que esta D.O quere apostar pola profesionalización, a formación e a innovación, pero sobre todo, quere apostar pola terra e pola xente que a traballa na busca e a defensa da máxima calidade para os seus viños. Así o puxo de manifesto a presidenta da D.O Monterrei, Lara Da Silva, quen fixo tamén fincapé na súa intervención na necesidade de traballar xuntos para acadar este obxectivos.

Baixo o lema “25 anos ao noso lado”, a gala estivo conducida pola presentadora lucense Silvia Jato que ao longo da noite foi dando paso a varios vídeos elaborados para a ocasión nos que se percorreron o presente, pasado e futuro desta denominación de orixe, nada oficialmente en 1993 aínda que con máis de dous mil anos de historia, tal e como o poñen de manifesto os lagares rupestres tan abundantes neste territorio.

A referencia a estes lagares e a súa potencialidade para se converter en destino turístico de interior tamén foron elementos que estiveron presentes nun evento no que participou a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias, Belén do Campo, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, a deputada provincial Ana Villarino, así como os alcaldes dos concellos nos que se estende a D.O. Monterrei, entre outras autoridades.

O acto tamén serviu ao Consello Regulador para lle render unha homenaxe a tres persoas do sector vitivinícola de Monterrei, un viticultor, un adegueiro e un técnico que representan o conxunto do sector que leva traballando desde o comezo para a posta en valor do viño de Monterrei.

Profesionais que a presidenta da denominación de orixe cualficou de “mestres con maiúsculas dos viños de Monterrei, dos que seguimos aprendendo día a día. Artesáns que mimades as vosas cepas, coidades variedades autóctonas, e transformades coas vosasmans o produto da nosaterra” cos que se lle quere facer unha homenaxe a todas aquelas persoas que creron no futuro deste territorio.

Os homenaxeados foron o catador Juan Ramón Fuentes Lorenzo, o viticultor Felisindo Prieto Arcos e a Adega Ladairo. Fuentes é membro do Panel Oficial de Cata do Consello Regulador desde a súa creación, hai 25 anos, medrando como profesional ao tempo que medraba a calidade e recoñecemento dos viños de Monterrei.

Pola súa parte Felisindo Prieto representa a historia viva da viticultura de Monterrei. Máis de 30 anos traballando as súas vides de Godello, Treixadura e Mencía que foi adaptando ás novas esixencias do mercado actual.

O último dos homenaxeados foi a Adega Ladairo, fundada o mesmo ano en que se crea oficialmente a Denominación de Orixe Monterrei, en 1993. A homenaxe foi especialmente para o seu fundador, José Luís Vaz Vilela, falecido o ano pasado, como impulsor da denominación de orixe e un dos pioneiros na produción de viños brancos e tintos de Monterrei de calidade. José Luís Vaz creu desde o principio na calidade destes viños, o seu amor pola viña e por Monterrei segue presente en Ladairo.

A todos eles se lles rende unha sentida homenaxe nun acto no que tamén houbo espazo para recoñecer o traballo dos predecesores de Lara da Silva no seu cargo, “homes e mulleres incansables que deixaron a pel en situar a Monterrei no mapa internacional dos viños”, tal e como asegurou a actual presidenta: Emilio Rodríguez Fernández, Bernabé Jiménez Gómez, Nicanor Payo Boo, Antonio Ángel Méndez Atanes, Asunción Rodríguez Zarraquiños e José Antonio Da Silva Pereira.