Horas de Cambio _ Editorial HGgT 214

O inesperado cambio de inquilino na Moncloa -por primeira vez, unha moción de censura retoca e trastoca o pano político coma unha bola de billar- e a conseguinte e tampouco esperada marcha de Rajoy da cúpula do Partido Popular, repercuteu en Galicia con efectos telúricos alleos a outras comunidades, por mor da aspiración inicial de Feijóo a relevar o xa expresidente do governo español e, en poucas semanas, do partido conservador.

Se tal cousa se producira, isto é, se a Galicia se lle fora o seu presidente desta década precedente ¿quedaría especialmente afectada pola perda de dous pretendidos baluartes, o de Santiago e o de Madrid? Coidamos que no eido turístico, visto na súa concepción máis ampla e interrelacionada sectorialmente -emprego incluído- non, non quedamos orfos simplemente porque tivemos pais pouco preocupados.

Tan certo é que as cifras da macroeconomía presentan resultados marcadamente positivos, como que tales logros son froito da precariedade no emprego (sen contar o medre da pobreza) que disminúe, pero é pior. No último lugar da táboa de remuneracións que manexan fontes sindicais, o salario medio na hostalería é de 14.125 euros ao ano, brutos. No sector da construcción, que remonta -e por seguir facendo máis hoteis e urbanizacións, que non sexa- chega aos 22.000 euros.

Esta realidade prodúcese cando o turismo aportou 172.900 millóns de euros o pasado ano, incluídos os efectos directos e indirectos, á economía española. Un montante que eleva o peso do sector a prácticamente o 15 por cento, aínda que en Galicia quede entre tres a catro puntos máis abaixo.

Se a herdanza dos gobernos do noso veciño Mariano ten estes parámetros na macropanorámica turístico-hostaleira no conxunto español, as políticas do noso compatriota Feijóo no ámbito

autonómico non foron precisamente unha marabilla, e iso que lle caeu e cae coma un maná, o éxito do fenómeno xacobeo amasado e enfornado ao longo do último cuarto de século.

Pero ámbolos dous se van ou irían -un xa de Madrid; outro de Santiago, e se queda, mal e máis do mesmo- sen inaugurar o AVE, sen que teña chegado siquera a Ourense, retraso tras retraso. ¿Tocaralle inauguralo, por fin, ao novo governo socialista de Pedro Sánchez?.

O peso do ilusionante equipo, -con Reyes Maroto como ministra de Industria, Comercio y Turismo- inclina para o Mediterráneo, fomento incluido.